A Asociación Galega de Orquestras (AGO) e a Asociación de Representantes de Espectáculos de Galicia (Artegal), impulsarán o recoñecemento das festas parroquiais de Galicia como Bens de Interese Cultural inmateriais por parte da Xunta. A tal fin, segundo informa o dixital Praza.gal, presentouse onte na Universidade da Coruña un informe realizado por Carlos Amoedo, Catedrático de Dereito Administrativo, para apoiar a base legal desta reclamación. O informe contempla a necesidade de "recoñecer unha modalidade festiva tradicional galega, que posúe uns valores propios singulares e transversalidade territorial. Son estes valores os que lle outorgan carácter sobranceiro para a pervivencia da nosa identidade ao longo do tempo", afirma. O documento presentarase ante rexistro da Xunta coa solicitude á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a súa toma en consideración e, ao mesmo tempo, as asociacións impulsoras iniciarán unha campaña de recollida de sinaturas tanto nas propias verbenas como, fundamentalmente, a través de Internet. Desde a AGO, o seu presidente Manuel Fariña manifestou a Cultura Galega a intención de complementar este informe legal cun estudio antropolóxico que analice en profundidade a excepcional forza e presenza na sociedade galega das celebracións parroquiais e as súas orixes como romarÃas ou peregrinaxes asociadas talvez a costumes pagás anteriores á cristianización ou noutros casos ao propio camiño de Santiago. "hai que explicar por que nun territorio pequeno como o noso estas celebracións son tantas e teñen tanta forza", afirma Fariña.