Os II Premios María Luz Morales de Ensaio audiovisual repártense cun importante peso da perspectiva feminina

Denisse Lozano e Brais Romero, galardoados na primeira edición repiten con premio e accésit

Denisse Lozano e Brais Romero, galardoados na primeira edición repiten con premio e accésit
Posado da entrega dos premios con representación do xurado, a AGA e as deputacións Provinciais. Foto: AGA
A Academia Galega do Audiovisual (AGA) ven de resolver e entregar os premios correspondentes á segunda edición do certame María Luz Morales de Ensaio Audiovisual, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual. Tres dos traballos elixidos polo xurado dos II Premios María Luz Morales cuestionan o papel da muller no cinema e na televisión, dende distintas perspectivas. En total dous videoensaios e dous ensaios escritos asinados por dúas investigadoras e máis dous investigadores galegos fixéronse cun galardón e 1.200 euros. Na convocatoria de este ano se destacaron, tamén, outros tres traballos con cadanseu accésit. No palmarés repiten dous nomes con respecto ao ano pasado: Denisse Lozano (mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional) e Brais Romero (accesit).

Denisse Lozano (Vilalba, 1991) fíxose -por segundo ano consecutivo- co premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional con Núas. Evolución da estética e o significado no nú feminino, no que aborda o uso do nu feminino mergullándose na súa orixe e evolución, dende os inicios do cinema ata os nosos días. O xurado valora unha factura visual excelente así como a elección dunha temática que se une ao cuestionamento do papel da muller no cinema, que este ano 2018 foi un elemento crítico importante no ámbito cinematográfico. Lucía Estévez (Vigo, 1994) gañou o premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Galego con Muller Personaxe, no que se serve dunha entrevista coa súa nai para fiar unha reflexión sobre o rostro feminino na pantalla galega. O xurado destaca a orixinalidade e o arriscado da proposta deste videoensaio, que combina unha posición cultural autoconsciente coa imaxe da muller no audiovisual galego.

Na parte escrita do certame os premios foron para dous homes. Fernando Redondo (Ames, 1971) gañou o premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Internacional con Latexos de Saudade no Cinema, que propón unha análise de senllos filmes moi diferentes entre si, Dublineses (John Huston, 1987) e A cidade das estrelas. La La Land (Damien Chazelle, 2016), pero que comparten unha mesma expresión cinematográfica da saudade. O xurado destaca a calidade da escrita e o rigor análitico sobre a posta en escena e da banda de son de dúas películas tan dispares -cronolóxica e estilisticamente- como fondamente vinculadas pola dor e a melancolía. Cabe sinalar tamén a capacidade do autor para poñer en contacto o seu discurso con cuestións artísticas e filosóficas que van máis alá do cine, partindo para iso, ademáis, de importantes referencias da cultura galega. Pola súa banda Marcos Nine (Illa de Arousa, 1977) conquistou o premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Galego con A Película de Autos, que repasa un dos filmes máis singulares do cinema galego non só polo seu contido senon moi especialmente pola súa historia, Al nasr altair. O filme foi obxecto de xuízo durante o franquismo e a sentencia que xurdiu é única en Galicia. O xurado destaca a calidade e a orixinalidade da proposta ensaística, cun relato no que as imaxes xogan un papel principal, ideal para a súa lectura en rede. O xurado tamén valora o rescate da historia dun filme moi pouco coñecido e da figura de José Ernesto Díaz-Noriega. Pola súa banda

O xurado desta segunda edición dos Premios María Luz Morales quixo recoñecer, tamén, con tres accésit o labor doutras dúas investigadoras e máis dun investigador. Brais Romero (Ferrol, 1990) recibiu -ao igual que xa fixera o ano pasado- un accésit ao premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Galego por De Vikingland a Ingen Ko Pa Isen: análise dunha correspondencia involuntaria. Éire García (Nigrán, 1991) foi recoñecida co accésit ao premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional por Para as interesadas nas películas de mulleres. Tamén recibiu un accesit ao Ensaio Escrito Audiovisual Internacional a coruñesa afincada en Londres Sabela Rei (1994) co seu Rostros do cinema europeo, unha aproximación á representación da crise.






Latexos de saudade no cinema, por Fernando Redondo.
Mellor Ensaio Escrito Audiovisual Internacional Proxecto: ‘Latexos de saudade no cinema’ Autor: Fernando Redondo
A película de autos, por Marcos Nine.
Mellor Ensaio Escrito Audiovisual Galego Proxecto: ‘A película de autos’ Autor: Marcos Nine