A Adega das bodegas Martín Códax en Cambados xa teñen programación para o seu coñecido ciclo de concertos Os Xoves de Códax, evento que pon en sintonía algúns dos mellores artistas galegos con outros grandes do panorama internacional, presentando proxectos onde a fusión de culturas xoga un papel determinante. Guadi Galego e Iván Ferreiro serán os encargados de inaugurar esta sétima edición o vindeiro 5 de xullo. Tras eles e durante o resto da temporada estival seguirán sete concertos, un cada xoves, de diferentes estilos entre os que haberá ocasión de achegarse ao folk, flamenco fusión, bravú, ou músicas brasileiras e cubanas. No entorno privilexiado da terraza da bodega aproveitando o momento da posta de sol ao serán pasarán polo escenario da Adega entre outros Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Jenny & The Mexicats ou Banda Xangai e de novo a fusión virá dos combos especialmente creados para a ocasión como será o caso de Uxía Senlle e Depedro; Pancho Amat e Alejandro Vargas; Marcos Teira Quinteto e La Negra ou Forro Mior e Najla Shami, alén dos xa mencionados da xornada de inauguración. Ante a habitual avalancha que fai esgotar todas as entradas en pouco tempo, Bodegas Martín Códax ven de establecer dúas quendas de venda. Así as entradas dos concertos de xullo poranse á venda a partir do vindeiro luns 4 de xuño ás 12.00h, mentres que para mercar as entradas dos concertos que se celebrarán o mes de agosto haberá que agardar ata o mércores 4 de xullo. As entradas terán un coste de 15 euros e a recadación obtida será destinada integramente a diferentes entidades sen ánimo de lucro da comunidade dentro do plan de responsabilidade social da empresa.