A familia das excelencias

Catro premios culturais profesionais dan recoñecemento e visibilidade á creación galega

Catro premios culturais profesionais dan recoñecemento e visibilidade á creación galega
Mateo, María e Martín poderían ser tres nomes comúns dun grupo de amigos calquera, ou de tres irmáns tal vez. Cando falamos da cultura galega e dos sectores profesionais nos que esta se desenvolve os tres nomes xa toman outro cariz e son, efectivamente irmáns nunha familia cultural na que tamén hai un importante sitio para o Libro de familia. Catro sectores profesionais -o audiovisual (Premios Mestre Mateo), o teatro (Premios María Casares), a música (Premios Martín Códax) e a literatura (Premios Gala do Libro)- reparten cada ano distincións para recoñecer de entre todas as producións, traballos e achegas aquelas que concitan unha admiración máis ampla en base a múltiples criterios, case tantos como votantes as elixen. Son nomes que despois se usan como reclamo en carteis de cine e teatro, en lapelas de libros e discos. Co mes de maio rematado xa están todos estes recoñecementos repartidos no que ten que ver coa produción cultural de 2017, a última foi a Gala do Libro que ven de celebrarse o pasado día 19 de maio. Agora xa toca mirar para adiante e empezar a preparar os seguintes mentres as persoas encargadas da parte creativa van presentando e preparando creacións neste 2018 que tal vez reciban un destes galardóns en 2019. No outro lado, as entidades organizadoras e convocantes, tamén fan reflexión sobre a situación que teñen os premios que representan á cultura galega profesional

En maio do ano 1929 tivo lugar en Los Angeles (California) a primeira gala de entrega dos premios Óscar da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas. A repercusión que chegaron a ter estes recoñecementos da industria máis potente das artes cinematográficas a nivel mundial marcou de xeito indiscutible ao resto de entregas de galardóns artísticos, sobre todo de cine e teatro, que comezaron máis tarde noutros países como Francia ou Gran Bretaña e España. O formato básico establecido polos Óscar de establecer unha serie de categorías, recoller candidaturas, votalas en segredo entre os membros autorizados da Academia, establecer unha lista limitada de finalistas e revelar nun evento festivo o destino final dos premios funcionou e foi imitado en todos os países e sectores da cultura ata o presente día.

No relativo a antigüidade, entre os premios de sector en Galicia son os Premios María Casares do Teatro Galego, promovidos e organizados pola Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG) os que levan máis tempo vixentes como tales, este ano 2018 tivo lugar a súa 22ª edición. Pero o dato a nivel sector da cultura ten unha particularidade, xa que serían máis antigos (27 anos) os Premios Irmandade do Libro outorgados desde a Federación de Librarías de seguir existindo, pero desapareceron para unirse, nun feito sectorial sen precedentes, cos de outros axentes do sector do libro, a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), no ano 2015 fundíndose os tres coas súas diferentes traxectorias e antigüidade nuns únicos galardóns coñecidos como Premios Gala do Libro. Esta característica de reunir aos diferentes axentes do sector fai destes premios un caso único que desde Federación de Librarías consideran un valor engadido ao poder dispor da "visión dos tres axentes posto que son ópticas diferentes desde as que debemos conseguir un consenso á hora de valorar e premiar". Pola súa banda os Premios Mestre Mateo do Audiovisual de Galicia, organizado desde a Academia Galega do Audiovisual (AGA) xa fixeron este ano as 16 edicións. Os máis recentes, pero non por iso menos importantes son os premios que representan ao sector da profesión musical, os Premios Martín Códax da Música, que a Asociación de Musicas ao Vivo (MAV) organizou este 2018 por quinto ano consecutivo.


Posado final gala XVI Premios Mestre Mateo do Audiovisual de Galicia. Foto: S. Montes

O xeito de chegar a premiar un número limitado de obras, traballos e persoas dentro do amplo abano da creación cultural pode implicar unha labor complicada. Cada unha das entidades convocantes pon os seus requisitos para poder optar aos seus correspondentes galardóns. Nas bases dos Premios María Casares hai tres requisitos indispensables: as producións teñen que ser feitas en galego, estreadas no territorio autonómico no ano natural anterior e as producións deben acreditar o cumprimento dos convenios laborais, nomeadamente do Iº Convenio de Actores e Actrices de Teatro de Galicia. Segundo o proceso que segue a AAAG as candidaturas tanto de producións como de profesionais deben ser presentadas desde as compañías teatrais para a súa inscrición en calquera das 14 categorías. A elección realízase en dúas roldas de votacións (método semellante ao que ocorre nos premios Mestre Mateo ) entre todas as persoas pertencentes á asociación, os programadores dos espazos de representación escénica de Galicia, as que teñan sido nomeadas en edicións anteriores e unha lista de persoas vencelladas á cultura teatral que a directiva da AAAG pode escoller. Nos galardóns do audiovisual non hai requisitos lingüísticos para as producións, e estas poden ser presentadas por persoas física ou xurídicas con dereitos demostrables sobre a obra correspondente ou por calquera membro da Academia. No caso da gala do Libro as propostas parten das bases asociadas das tres entidades para estar posteriormente sometidas a un proceso de selección por parte dun xurado externo cuxos nomes se dan a coñecer coa convocatoria. Tamén un xurado, neste caso de composición secreta, dirime entre os finalistas dos Premios Martín Códax que saen dunha primeira votación feita por socios e socias de MAV entre os proxectos inscritos. No caso da música, as bases si contemplan para poder presentarse a presenza galega nos grupos condicionada a certas variables, así como o uso da lingua galega como algo a valorar para proxectos sen base en Galicia.

Visibilidade e recoñecemento
Ademais dos recoñecementos á excelencia entre profesionais e a capacidade de fomentar a unidade de acción das profesións involucradas, todos estes premios teñen en común outro obxectivo lexítimo: a visibilidade do sector, dos profesionais e das obras que produce ante o resto da sociedade. Visibilizar, dar a coñecer, amosar, achegarse á sociedade, poñer en valor... Son conceptos constantes nos leiv motiv de calquera destas convocatorias culturais e así parecen explicitamente entre os obxectivos que as definen. A presidenta da AAAG, Nieves Rodríguez, séntese nese sentido "altamente satisfeita" tanto pola acollida que teñen entre a profesión como por ter acadado cos Premios María Casares os obxectivos polos que se crearon "que pasan pola difusión da actividade escénica do noso país, a súa visibilización e a dignificación dos diferentes oficios que conforman o sector teatral", recorda e ademais lembra que o sistema actual de axudas públicas valora nas súas convocatorias o feito de ter acadado estes galardóns. Para Carlos Ares, Presidente da AGA, os Premios Mestre Mateo do audiovisual teñen un gran recoñecemento por parte do sector e ve que ese recoñecemento é tamén crecente entre a sociedade. "cada vez a xente fala máis dos premios, cada vez teñen unha maior importancia social", sostén Ares. Para Sonia Lebedinsky, flamante voceira da nova xunta directiva de MAV, os obxectivos dos Premios Martín Códax da música despois de cinco edicións "vanse cumprindo" e lembra que eses premios foron creados tamén para "dar unidade e entidade a todo un colectivo que até o momento parecía fragmentado e inconexo". No caso dos Premios Gala de Libro, a súa organización corre cada ano a cargo dunha das tres asociación participantes. Este ano 2018 foi a quenda da Federación de Librarías de Galicia a que levou o peso da súa produción e a súa recente resolución aínda non lles permitiu facer unha valoración en profundidade pero aseguran sentirse satisfeitos aínda que "conscientes de que sempre se pode mellorar".


Posado final gala V Premios Martín Códax da Música de Galicia. Foto: S. Montes

A organización, loxística e produción de cada unha destas convocatorias é un traballo importante e un grande esforzo para as equipas destas entidades cada ano. Desde a redacción das bases e propostas e admisión de candidaturas ata os propios procesos de votación coas súas diferentes fases e posteriormente a preparación das galas. "Uns premios desta categoría levan moito tempo de produción cun equipo de coordinación con experiencia e altamente preparado", asegura Nieves Álvarez de AAAG, para a continuación engadir que "despois de tanto tempo a maquinaria está cada vez mellor engraxada." Esa é a visión máis veterana, na outra punta desde MAV Sonia Lebedinsky enumera a chea de dificultades que entraña cada edición dos Martín Códax: "Son moitas caras dun mesmo prisma que deben funcionar á perfección. Iso é o máis difícil.". Para a voceira da asociación musical entre as mil e unha dificultades que se atopan como como a relacións cos patrocinios, a xestión da comunicación pública e facer chegar a convocatoria dos premios a todos os músicos do país de todos os estilos musicais, posiblemente a parte máis complexa, segundo ela sexa "a coordinación entre todos os campos que conforman a gala".

A achega pública e os niveis de apoio
No mesmo sentido da complexidade da organización da propia gala de entrega apunta o presidente da Academia Audiovisual, Carlos Ares: "Os premios Mestre Mateo producen un gran volume de traballo á Academia. As inscricións, a subida á plataforma de visionado das obras, o traballo de produción da gala e todas as actividades paralelas que xeran os Mestre Mateo supón un gran esforzo." Segundo el, malia que a AGA ten cada vez un maior orzamento, e crece en número de actividades todo o ano, "a organización dos Mestre Mateo, a gala e actividades paralelas supoñen un alto porcentaxe do orzamento da Academia", asegura. Os custes destes premios e as súas galas de entrega poden ser, efectivamente altos. E as institucións públicas xogan un papel esencial cumprindo co seu deber de apoio á cultura e ás industrias culturais e proporcionan soporte económico ou en especie (cesión de espazos) a todos estes galardóns. O Diario Oficial de Galicia recollía o pasado día 25 de maio os convenios asinados entre a Axencia galega de Industrias Culturais (Agadic) e as entidades organizadoras dos premios Mestre Mateo, Martín Códax e María Casares. Ademais deste ente autonómico tamén a propia Consellería de Cultura, as Deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra e os Concellos de Santiago, A Coruña e Pontevedra, como institucións públicas contribúen dalgunha maneira a un ou máis destes premios. A lista deixa ver que os sectores culturais galegos, do mesmo xeito que a demografía autonómica, decántanse polo eixo atlántico do país para as súas galas.

Pero a contribución económica que se presta ante a obriga pública de soporte da cultura e das súas industrias non é o único xeito de apoio institucional desexable para estas organizacións nos recoñecementos que son buques-insignia dos seus respectivos sectores. A presenza nas galas de entrega de representantes públicos tamén é un grao de revelación da importancia que os gobernantes dan á cultura. Cabe neste punto lembrar que segundo o informe Diagnose para a cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI do Consello da Cultura Galega, o peso do sector cultural galego representa na actualidade o 2% do Produto Interior Bruto (PIB) e o 3% do emprego da Comunidade, con máis de 30.000 traballadores. A pesares diso, a presenza institucional non é sempre como as entidades convocantes desexarían. "Polo de agora -di Sonia Lebedinsky de MAV- nin o presidente da Xunta, nin o Conselleiro de Cultura fixeron acto de presenza en ningunha das edicións da gala; delegando na secretaría xeral de cultura (nalgunhas ocasións) e na propia dirección de Agadic." A voceira ve nisto a mostra "do interese ao máis alto nivel pola cultura musical do país". No mesmo sentido pronúnciase Nieves Rodríguez para os María Casares: "Se ben é certo que as institucións públicas que patrocinan a Gala están representadas, non estaría de máis un maior compromiso por parte, por exemplo, do presidente da Xunta co que isto significaría. Por un lado un compromiso firme por parte da institución, e por outro unha maior repercusión e cobertura nos medios de comunicación", remarca.


Posado final gala XXII Premios María Casares do Teatro Galego. Foto: S. Montes

Tratamento descompensado dos medios públicos
Tampouco nas últimas edicións das entregas dos premios Mestre Mateo fixo aparición o Presidente da Xunta, pero esta gala, polo feito de ser tamén vehículo de promoción do audiovisual que produce e difunde a propia Televisión de Galicia ten o privilexio entre as catro desta reportaxe de ser emitida en directo na canle principal da cadea pública acadando, segundo Carlos Ares "unha interesante audiencia". Os Premios María Casares, que tradicionalmente celebran a súa entrega no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, emitíronse tamén pola TVG, pero a retransmisión fíxose en diferido e pola segunda canle da televisión pública galega. A presidenta da AAAG ve nesa circunstancia "unha descompensación" respecto ao que ocorre cos "premios irmáns" Mestre Mateo pero tamén apunta que hai "outros galardóns do sector cultural que reciben menos cobertura", situación que considera que non se debera dar segundo ela ao estimar que "os medios públicos galegos deben realizar coberturas análogas entre galardóns". Para Lebedinsky, no que toca aos Premios Martín Códax da música a cobertura que fai a TVG é "unha das eivas máis claras que nos gustaría solventar", afirma. A voceira de MAV ve na Televisión de Galicia escaso interese na retransmisión xa sexa en directo ou diferido da gala da música, que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra e que foi transmitida a través da web da CRTVG unicamente. Pola súa banda os libreiros consideran que en xeral os Premios Gala do Libro, que non gozan de ningún tipo de retransmisión tampouco, están a verse reflectidos nos medios nun nivel excesivamente local, ligados ás cidades onde se entregan cando deberían interesar "en toda a nosa comunidade e incluso fóra".

Tampouco para a canle pública estatal, a TVE, semellan ter moita relevancia estes galrdóns, que adoitan quedar excluídos dos telediarios ou doutras coberturas. A repercusión exterior dos premios é unha das eivas que Carlos Ares, da AGA, ve ao falar do seguimento mediático dos Mestre Mateo. "Constatamos unha menor repercusión da que deberiamos, da que merecemos", afirma rotundo. "Os Premios Gaudí, do cinema catalán, teñen unha maior difusión no resto do Estado", di Ares, que indica a necesidade de avanzar en recoñecemento nese eido estatal. Desde os Premios Martín Códax son aínda optimistas neste sentido e confían en que a repercusión dos seus galardóns irá en aumento. "Comezamos a recibir reaccións dende fóra de Galicia .di Sonia Lebedinsky- que dan a ver que a relevancia destes premios abrangue a todo o Estado". No relativo a lograr un "eco relevante" a presidenta da AAAG, Nieves Rodríguez, cre que ese é un concepto que hai que matizar, asegura, e chama a ter en conta a situación dos medios de comunicación. "O sistema mediático entrou en crise e segue nela, -di Rodríguez- é unha evidencia e vimos nos últimos anos a redución de cabeceiras en papel e tamén a redución do espazo que se dedica á cultura".


Posado final Gala do Libro Galego 2018. Foto: VisualQ

No que se refire ao futuro de cada un destes recoñecementos da excelencia nos sectores da cultura profesional en todos os casos desde as organizacións e entidades que os impulsan falan de procesos de continua reconsideración e mellora á hora de pensar novidades ou evolucións de cada un deles. "É un proceso vivo do que nos estamos pendentes", di Nieves Rodríguez, e lembra que xa este ano introduciron modificacións nas bases co fin de velar pola profesionalidade dos espectáculos presentados e por que os espectáculos participantes cumpran o convenio de teatro. Desde a Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares avanza que abriran nos vindeiros meses un "período de reflexión" sobre os Premios Mestre Mateo entre os membros da entidade para xeitos de mellora dos galardóns nos "novos tempos". Para a máis nova das celebracións, os Martín Códax, a voceira entende que "estes primeiros anos foron de experimento, aprendizaxe e consolidación" e que agora a nova directiva, proclamada na ultima gala precisamente, "fará un traballo profundo de análise dos obxectivos e posibles cambios de cara ao futuro". Tamén na Gala do Libro se van facendo cambios e melloras como é o feito de que nesta edición incorporou novos galardóns,coma o premio á obra de divulgación, á banda deseñada, ao libro mellor editado e a división do anterior premio de literatura infantil e xuvenil en dúas categorías diferenciadas. Martín, María, Mateo e o Libro buscarán seguir representando o mellor dos seus campos e visibilizando as excelencias da cultura galega nunha constante mellora e adaptación as cambiantes circunstancias de cada sector e da sociedade na que se insiren.

PARA SABER MÁIS DAS MÁIS RECENTES ENTREGAS DESTES CATRO PREMIOS VISITA AS NOSAS REPORTAXES NAS SEGUINTES LIGAZÓNS: