Xose Ballesteros reelixido presidente da asociación de editoriais

A asemblea apoiou a actual xestión da directiva e dálle continuidade por dous anos máis

A Asociación Galega de Editoras (AGE) ven de renovar os cargos da súa xunta directiva para os vindeiros dous anos no que é unha aprobación da xestión actual e unha aposta pola continuidade desta liña de traballo. Nunha Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada nas instalacións do Consello da Cultura Galega as editoriais decidiron por unanimidade a reelección como presidente do director de Kalandraka Editora, Xosé Ballesteros Rei. A equipa directiva complétase coa vicepresidencia a cargo de Henrique Alvarellos (Alvarellos Editora); secretaria, María Xesús Gómez (Rodeira); tesoureira, Ana Guerra Cañizo (Edicións Obradoiro) e as catro vocalías de Andrea Jamardo (Urco Editora), Miguel Toval (Edicións Embora), Francisco Alonso (Edicións Xerais de Galicia) e Xulio Amigo (Editoral Galaxia).