Daniel Asorey imponse no XXI Premio Johán Carballeira de poesía

Moncho Iglesias obtivo o galardón de xornalismo convocado polo Concello de Bueu

O Concello de Bueu daba a coñecer onte os fallos dos premios Johán Carballeira de Poesía e de Xornalismo. O galardón lírico, que celebraba a súa XXI xeira, foi para Daniel Asorey, que co seu traballo Transmatria acadou o recoñecemento do xurado. Segundo a acta, valorouse o "se tratar dun libro de poemas onde destaca a potencia dunha linguaxe innovadora e a explosión das marxes dos corpos como capacidade de transformar e superar o agardado". O gañador, que se impuxo entre os 73 traballos presentados, leva un premio de 1.500 euros e verá a súa obra publicada con Edicións Xerais.

Na categoría de xornalismo, que celebraba este ano a súa XV edición, o gañador foi Moncho Iglesias pola súa reportaxe Corea do Norte. A vida dese outro lado. O texto, publicado en Tempos Novos destaca por "ofrecer unha perspectiva alternativa aos tópicos que promoven a maioría dos medios de comunicación" sobre o país, ao tempo que pon en valor o "xornalismo de xénero da crónica de viaxe, pouco habitual na prensa da actualidade". O autor recibirá un premio de 1.500 euros.