Play-Doc comeza hoxe recuperando a memoria cotiá audiovisual de Tui

O evento celebra a súa décima cuarta edición ampliando a duración

O evento celebra a súa décima cuarta edición ampliando a duración
O documental do realizador Nicolás Combarro Alberto García-Alix. La línea del tiempo, que se presentou na pasada edición do Festival de San Sebastián, é a película escollida para abrir hoxe a 14ª edición do Play-Doc en Tui. A cinta compartirá protagonismo nesta xornada inaugural cunha proxección de gravacións domésticas filmadas na localidade pontevedresa nos anos sesenta, setenta e oitenta en Super 8 e agora dixitalizadas. Unha selección desas imaxes forma parte da montaxe visual coa que se inaugura o evento, ao son dunha banda formada para a ocasión polo brasileiro Ricardo Dias Gómez, baixista de Caetano Veloso; Jeremy Gustin, batería, e Alex Toth, trompetista e fundador de Rubblebucket, a banda de Brooklyn que actúa en exclusiva en Tui o sábado 28 de abril. Así arrancarán seis días deste festival audiovisual, un día máis que nas anteriores edicións, ata o martes 1 de maio.

A cinta de Nicolás Combarro sobre o fotógrafo Alberto García-Alix e un dos dez títulos da sección de cinema galego. A selección de filmes galegos no 14º Play-Doc confórmana tamén os filmes Algunhas nubes flotan lonxanas (Gonzalo E. Veloso, 2017), M. (Ángel Santos, 2017), Nueva Galicia (Iván Nespereira 2017), O salvaxe leva o seu tempo (Oliver Laxe, 2018), O fareiro de Sálvora (Gloria Vilches, 2017), Os fillos da vide (Ana Domínguez, 2017), Salitre nas veas (Adrián Canoura, 2017) e Trinta lumes (Diana Toucedo, 2018). Ás proxeccións sumaranse os encontros cos cineastas Oliver Laxe, Lois Patiño e Eloy Enciso, que compartirán co público o proceso de creación dos seus proxectos en curso. Coa obra do director estadounidense Peter Emanuel Goldman, referente do cine underground, como principal retrospectiva, Play-Doc convida a participar no acto inaugural hoxe ás 20:30 e mergullarse nunha viaxe no tempo a través das imaxes en súper 8 de Tui.

Ciclos e retrospectivas
Co ciclo que leva por título (Anti)heroínas, o festival propón catro títulos protagonizados por mulleres, menores de idade, marxinadas e alienadas socialmente, entre eles a película máis descoñecida de Dennis Hopper como realizador, Out of the Blue (1980), considerada por moitos como o seu maior logro, e tamén a estrea española de Streetwise( Martin Bell, 1984). O 14º Play-Doc acolle tamén a primeira retrospectiva dedicada ao brasileiro Aloysio Raulino (1947-2013) fóra do seu país. Nove filmes como realizador e outros tres como director de fotografía poderán verse neste apartado. O estadounidense Peter Emanuel Goldman (Nova York, 1939) estará en Tui na que será a súa primeira retrospectiva en España que ademais virá acompañada dunha exposición fotográfica deste autor tan poético como underground, louvado por figuras como Jean Luc-Godard, Susan Sontang e Jonas Mekas. Ademais, Play-Doc en colaboración con Cinemateca Francesa recupera material perdido da película The Sensualists, dirixida por Goldman.

Na sección oficial, como xa adiantamos en marzo, serán cinco os documentais que se enfronten no festival. The Waldheim Waltz, de Ruth Beckermann, galardoado co premio ao mellor documental en Berlín, Going South de Dominic Gagnon, Lamaland de Pablo Sigg, Terra Franca de Leonor Teles e Less Unwanted de Europa de Fabrizio Ferraro. O xurado desta xeira estará formado polo crítico e programador Roger Koza, a directora de programación da Cinemateca Francesa, Caroline Maleville, e unha das responsables de MUBI, cinemateca global en liña, Chiara Marañón.
Ligazóns