Mercedes Peón presenta o seu novo disco 'Deixaas'

Propón música tradicional, electrónica e sons industriais neste vangardista quinto traballo

Oito anos pasaron do anterior disco propio de Mercedes Peón, o multipremiado SOS (Fol Música, 2010), e 18 xa do seu disco de debut Isué (Resistencia, 2000). Con eles, coma cos seus outros dous traballos intermedios, a artista sempre engadiu algo novo na súa constante exploración da vangarda sonora desde a base da música tradicional. Agora Peón presenta o seu quinto traballo de estudio Deixaas (Fol Music) tras unha intensa etapa de investigación sobre as posibilidades da arte sonora traída ao eido no que é un referente internacional. Usando de novo as bases electrónicas Peón propón un sonido industrial e duro sen abandonar as raíces da tradición, inspirada en espazos sonoros de nova natureza obtidos a partires dun traballo de campo minucioso con sons reais de máquinas pesadas en gravacións feitas en estaleiros navais, xa que Deixaas é unha metáfora ancorada na industria naval de Ferrol, unha conceptualización de realidades que visibiliza o tecido social e cultural nun mapeo sonoro subxectivo. Dende as minúsculas faíscas que saen dunha rebarbadora ata unha crítica á construcción social dos xéneros. Para este traballo tan especial presentase no escenario nun formato diferente como DEIXAAS-banda xunto a Ana Fernández e Mónica de Nut. O disco sairá o vindeiro 27 de abril e xa están disponibles os dous adiantos coas cancións Plataforma e o video da que dá nome ao disco Deixaas. O Auditorio de Ferrol acollerá a presentación do espectáculo o vindeiro 13 de maio.