Emma Pedreira e Lupe Gómez gañan o Premio da Crítica en lingua galega

Foron propostas pola Asociación Galega da Crítica

Lupe Gómez, co seu poemario Camuflaxe (Chan da Pólvora) e Emma Pedreira, co libro de relatos Bibliópatas e fobólogos (Galaxia) acaban de recibir o Premio da Crítica 2017 (no ámbito de lingua galega) que concede a Asociación Española de Críticos Literarios (AECL). Foron propostas pola Asociación Galega da Crítica. En Camuflaxe, de Lupe Gómez, os críticos valoran un "exercicio mimético para identificarse nun entorno no que se constata a desaparición do mundo rural e a forza do telúrico". De Emma Pedreira, máis coñecida pola súa faceta de poeta, os críticos destacaron de Bibliópatas e fobólogos unha "aposta narrativa que envolve o xénero do relato curto para reflexionar sobre a presenza dos libros e da escrita na vida cotiá".