Os concertos serán o eixe da programación da nova Sala Capitol, un antigo cine que abre como espacio multiusos en Compostela

Cine reciclado

Hai xa sete anos que o Cine Capitol botou o pano definitivamente en Compostela. Unhas instalacións case ruinosas, unha soa sala de grande tamaño que non permitía facer máis dunha proxección de cada vez, a falta de investimento... Unha historia máis de cines que pechan. Sen embargo, desde o martes 28 de abril, o espacio coñece unha nova vida. Concertos, actividades escénicas, proxeccións e mesmo baile serán os protagonistas da etapa que agora comeza, facendo do vello cinema unha máis das salas independentes da capital.

Nacera en 1935, cando as grandes salas cinematográficas eran un bo negocio. Ao carón da zona vella de Compostela o arquitecto José María Banet deseñou un edificio dedicado enteiramente ao cine. Máis de setecentas prazas e un anfiteatro amosan a capacidade de convocatoria que tiña daquela a sétima arte. Pola pantalla deste espacio pasaron grande parte dos filmes históricos dos últimos setenta anos. A pesar da remodelación interna que sufriu a sala en 1975, non houbo xeito de recuperar os gloriosos tempos do pasado, cando era a principal sala da cidade. O peche viría en 1996. Como tantas outras salas, o Capitol quedara xa desfasado e era imposible de manter economicamente, ademais de que a súa situación case ruinosa dificultaba un aproveitamento do espacio. Axiña comezaron a circular propostas para darlle emprego ao antigo cine, desde abrir unha discoteca a construír un hotel, propostas que se atopaban coa esixencia do Concello de manter o uso cultural do edificio. Ata que chegou Xavier Sanín.



Reconstrucción

Este hostaleiro compostelán pensou nunha fórmula mixta para compatibilizar a rendibilidade do local co seu emprego cultural. A necesidade de conseguir licencias de tres consellerías e do Concello para iniciar a reforma fixeron que durante un ano o proxecto permanecese hibernado, ata que a comezos do 2002 comezaban as obras. O proxecto de Manuel Carbajo e de Celso Barrios supuxo a práctica reconstrucción do edificio, conservando intacta, iso si, a fachada, e reproducindo no interior a distribución do antigo local. Deste xeito, a Sala Capitol ofrece un amplo espacio no antigo patio de butacas, de onde se poden retirar os asentos para conformar unha ampla pista. No mesmo sentido recuperouse o anfiteatro e mesmo se mantivo unha pantalla de corenta e cinco metros cadrados igual á que xa existía no cine. Un novo escenario, a creación dun soto para acoller un almacén e camerinos no espacio que antes ocupaba o foxo da orquestra, a recuperación do antigo ambigú coma unha segunda barra para o anfiteatro e o acondicionamento dun espacio para actividades artísticas son as novidades que se poden ver na estructura. Pero hai moito máis.




Tecnoloxía na tradición


”Buscamos a mellor tecnoloxía para o edificio sen que fose excesivamente evidente”, sinala Manuel Carbajo. Un completo illamento acústico, realizado polo estudio Higini Arau, responsable de son do Auditori de Barcelona ou o Kursaal de San Sebastián, foi especialmente coidado, así coma os sistemas de luces e de son. A sala contará tamén cun proxector de última xeración, todo isto enmarcado nun contorno marcado pola “simplicidade” que “quere conservar a confortabilidade de que facían gala estes espacios a comezos de século”, sinalan Carbajo e Barrios. Para manter ese estilo tapizouse de veludo vermello a sala principal, lembrando os antigos salóns de baile. De feito, o promotor do renacer desta sala, Francisco Sanín, apunta a súa intención de que o cine recupere esta función, “O Capitol abrirá en moitas ocasións non con música disco senón con orquestra en directo, recuperando así aquela tradición das salas de festa”.



Todo cabe

A sala será un autentico espacio multiusos dedicado á música e á cultura. Nordesía Produccións será a encargada de xestionar a programación do local, e os responsables desta empresa prometen achegar ao escenario “grupos internacionais e nacionais e ofrecer ao tempo un escaparate para artistas galegos”. No mesmo sentido, Francisco Sanín apunta a súa intención de incluír grupos composteláns na programación. Aínda que a música en directo será o prato forte do novo espacio, as intencións dos promotores non quedan aí. Sesións de picadiscos, teatro, proxeccións de vídeos e curtametraxes e mesmo a posibilidade de empregar a pantalla xigante para ver partidos de fútbol son algunhas das propostas que ofrece a sala. Por se fose pouco, Sanín chegou a un acordo coa Galería SCQ para realizar exposicións artísticas nunha das dependencias do novo local, e anunciou a dispoñibilidade do espacio para acoller conferencias e convencións.



Outro cine recuperado, outra sala independente

Coa apertura desta sala, Sanín pretende “cubrir un baleiro na oferta cultural da capital galega”, e converter o Capitol nun punto de referencia no panorama musical galego. O oco que cómpre ocupar está para el entre espacios para grandes eventos, coma o Multiusos do Sar e os espacios pensados para concertos de música clásica coma o Auditorio de Galicia. Sen ningún tipo de axuda pública, segundo o promotor, o Capitol convértese así na cuarta sala de espectáculos privada que existe na cidade a canda a NASA, a Galán e o Yago. Ademais, supón tamén un novo exemplo de recuperación de vellos cines na capital, que se suma aos casos do Salón Teatro, o Teatro Principal e de novo o cine Yago. Deste xeito, Compostela convértese na cidade con mais espacios escénicos en mans privadas que existe no país, cada un deles cunha orientación diferente.



Exemplos

A estrea do espacio, o martes vinteoito de abril, foi un espectáculo escénico de Camila Bossa, Carlos Blanco e Yolanda Muíños. A canda eles, un concerto do grupo Cool Hámster e a proxección dun documental sobre a historia e a rehabilitación da sala amosaron as posibilidades multimedia do espacio. O grupo romanés de ciganos Fanfare Çiocarlia abre o día sete de maio a programación estable da sala, e a partir de aí Sanín continuar a actividade con “polo menos un concerto semanal de certo nivel”. Haberá que ver cara a onde evoluciona un proxecto con tantas posibilidades, e se atopa o seu oco nunha cidade cunha oferta cultural tan variada como é Compostela.