A AAAG carga contra a contratación de Chévere Producciones para 'Divinas Palabras'

Dubidan que o espectáculo poida ser considerado produción propia do CDG

Cartel da produción <i>Divinas Palabras Revolution</i>
Cartel da produción Divinas Palabras Revolution
O contestado sistema de contratación de elencos artísticos no Centro Dramático Galego e a súa situación xeral seguen traendo cola. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), volve a carga contra a situación "de esmorecemento" da cabeceira pública teatral alertando polo xeito no que se levou a cabo a contratación do director, Xesús Ron, e dos dous intérpretes principais, Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés, da recente produción Divinas Palabras Revolution, actualmente en cartel. Desde a AAAG ven como unha sinal de externalización de servizos que senta un "perigoso precedente" o feito da adxudicación polo sistema de procedemento negociado sen publicidade á empresa Chévere Producciones, S.L. das tarefas de da dirección, dramaturxia, tradución e interpretación de protagonistas do espectáculo teatral Divinas Palabras. A publicación na Plataforma de Contratos da Xunta da resolución desta contratación por un importe de 76.000 euros (IVE incluído) motivou agora un duro comunicado por parte da AAAG alertando da situación do CDG.

A organización sindical de intérpretes ve nesta modalidade de contratación o establecemento dun réxime contractual diferente para unha parte do equipo, no que se inclúe aos intérpretes protagonistas, mentres que os outros sete membros do elenco foi seleccionado nunha convocatoria aberta e eles terían unha relación laboral directa coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) mentres que nos outros tres casos a relación sería coa empresa Chévere e desta coa axencia. Para a AAAG isto é outro síntoma da burocratización á que esta sometido o CDG e lévaos a dubidar que a recente produción Divinas Palabras revolution, a única propia desta temporada do Centro, poida ser considerada de tal xeito en estrito senso e non como produción externa contratada.

Refundación dun CDG autónomo
"Neste 2018, ano no que debemos celebrar que os compoñentes de Chévere traballen no CDG, -di no seu comunicado a AAAG- atopámonos de novo coa burocratización e a falta de vontade política da administración para cambiar o rumbo da institución". Para o colectivo actoral estes procedementos de selección de elencos son só unha manifestación máis dun problema maior "que atenaza o funcionamento do CDG" e que fai necesaria unha refundación da compañía pública dándolle entidade xurídica propia, con autonomía real e orzamentos de seu. Tamén ven necesaria a revisión do sistema de coproducións e residencias, a reformulación dos mecanismos de distribución ou a procura de procesos de selección de elencos "que combinen a necesaria liberdade creativa do director/a coa igualdade de oportunidade dos intérpretes a acceder ás montaxes do CDG". Segundo indica a asociación, as reunións sectoriais de diálogo que Agadic abriu nos últimos meses "están a carecer de efectividade, xa que a intención da Axencia é limitar o diálogo aos procesos de selección e non abordar a problemática no seu conxunto".