A Real Filharmonía de Galicia estrea dúas composicións de autores galegos

Traballos de Jacobo Gaspar e Antón Alcalde fan parte do programa dun recital sobre o Universo

Un universo en expansión, o lema da Real Filharmonía de Galicia para esta temporada, será o eixe do concerto que esta formación dará o vindeiro venres baixo a batuta de Paul Daniel. O evento, que se desenvolverá no Auditorio de Galicia a partir das 20:30 horas, integra pezas do celebérrimo John Williams, autor da banda sonora de Star Wars e de Holst con dúas estreas de compositores galegos encargadas pola propia orquestra. Deste xeito, no recital soará Vía Láctea. Haiku espiral, coa que Jacobo Gaspar propón unha viaxe ao centro da Vía Láctea, “delineado por un trazo en forma de espiral que reflicte tanto as zonas luminosas como as que se nos presentan escuras ou ocultas desde a nosa posición no espazo".

Canda a ela, interpretarase …that pale blue dot, obra de Antón Alcalde móvese "entre dous polos gravitatorios (Mi e Fa) correspondentes aos sons que produce a Terra no seu movemento de translación ao redor do Sol, transcritos polo astrónomo e matemático alemán Johannes Kepler no seu tratado Harmonices mundi en 1619”. Parte do recital repetirase o sábado de mañá nunha sesión orientada a público familiar.