Un simposio repasará os anos de Otero Pedrayo en Compostela

O encontro enmárcase nos actos do Abril Oteriano, que se prolongan ata o día 28

Esta tarde preséntase publicamente o Simposio Os anos máis felices. Otero en Compostela que se celebra os días 20 e 21 deste mes no Colexio de Fonseca da capital galega. A Fundación Otero Pedrayo promove no marco do seu Abril Oteriano este encontro, no que diferentes especialistas abordarán a relación do autor coa cidade e o impacto que a mesma deixou na súa vida e na súa obra.

Deste xeito, Ramón Villares, Xesús Alonso Montero ou Margarita Ledo, impartirán cadanseu relatorio no encontro, mentres Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lorenzo, Antón Santamarina, Carlos Baliñas Fernández ou Xosé Manuel Salgado participarán en mesas redondas sobre a figura homenaxeada. O programa inclúe tamén un roteiro literario que achegará os participante á "noite compostelá de Otero" da man de Juan Saco, Xosé Luís Franco Grande, Patricia Arias e Afonso Vázquez-Monxardín. Ademais, o 20 de abril celebrarase unha misa en memoria de Pedrayo na igrexa compostelá de San Francisco.

O abril oteriano comezou o pasado día 10 con actos en Ourense e continuará o vindeiro 28 de abril cunha conferencia de Alonso Montero en Trasalba, a presentación do libro Cronistas oficiais de Ourense e “Crónica do vivir xornaleiro” de Don Ramón Otero Pedrayo de Afonso Vázquez-Monxardín e un xantar oteriano.
Programa do simposio Os anos máis felices.