A Terraza de Sada será declarada BIC

O pavillón modernista construiuse orixinalmente en 1912 na Coruña

A Terraza de Sada. Fotografía de Turgalicia.
A Terraza de Sada. Fotografía de Turgalicia.
O Diario Oficial de Galicia de hoxe recolle hoxe a incoación do expediente polo que se declara Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento a Terraza de Sada. O expediente recolle a importancia deste pavillón modernista, construído en 1912 para os Xardíns de Méndez Núñez da Coruña e trasladado á súa actual ubicación entre 1919 e 1920. A declaración apunta que se trata dun "caso único de conservación dos inmobles desta tipoloxía e función na comunidade autónoma. No aspecto histórico destaca por ser unha tipoloxía orixinal creada nos primeiros anos do século XX, pola novidade que supuña para unha sociedade urbana o uso de espazos públicos relacionados co cambio radical da estrutura da cidade, das comunicacións e dos estándares da calidade de vida".

A isto súmanse valores como "os principios recoñecibles do seu estilo arquitectónico de forma relevante pola calidade do seu proxecto, espacial e construtivamente, a súa singularidade estética e a súa representatividade tipolóxica, ademais de posuír unha dimensión social significativa". Construído principalmente en madeira e vidro, supón para a Xunta un "ben senlleiro, exemplo dunha arquitectura recreativa e urbana ligada ao ocio público e ás actividades culturais, cunha fermosa e delicada formalización, sensible e cálida, recoñecida popularmente e cun grande aprecio a nivel social". O texto do expediente apunta tamén a necesidade dunha restauración deste elemento e lle outorga ao ben de xeito inmediato a protección correspondente a un BIC, cun prazo de 24 meses para concluír a declaración.