O Concello de Pontevedra inicia cun roteiro as homenaxes a María Victoria Moreno

O IES Torrente Ballester celebra esta tarde un acto de lembranza á autora

Un roteiro artellado por Ana Acuña e Fina Casalderrey abre este venres 6 ás 19:30 horas as homenaxes que o Concello de Pontevedra lle vai render a María Victoria Moreno con ocasión do Día das Letras Galegas dedicado á autora. A camiñada percorrerá lugares ligados á biografía da autora e aqueles espazos que frecuentaba durante a súa vida na cidade. Ademais, segundo anunciou a Concellaría de Normalización Lingüística, o vindeiro 26 de abril presentarase no Teatro Principal da cidade un documental que recolle fragmentos de entrevistas con María Victoria Moreno canda a testemuños da súa familia e de diferentes persoas da cultura galega.

De xeito paralelo, esta mesma tarde se celebra no IES Torrente Ballester un acto de lembranza á que fora durante anos profesora deste centro. Víctor Freixanes, presidente da RAG, o académico Xesús Alonso Montero, a escritora Fina Casalderrey e o tradutor Xavier Senín participan neste evento durante o que se proxectará unha vídeo-homenaxe, unha mesa redonda e darase a coñecer un conto inédito da autora, ilustrado e editado polo propio IES, que se distribuirá polos centros de ensino de Pontevedra.