David Rubín e Kiko da Silva, autores galegos convidados ao Saló del Còmic de Barcelona

Emma Ríos participará nun coloquio neste evento que se desenvolve entre o 12 e o 15 de abril

Entre o vindeiro 12 e 15 de abril Barcelona acolle unha nova edición do seu Saló del Còmic, principal evento da Península Ibérica dedicado à novena arte. Nesta trixésimo sexta edición, o encontro conta con dous galegos entre os 24 autores internacionais convidados. David Rubín achégase nunha nova xeira ao encontro para presentar a reedición de Cuaderno de tormentas recentemente publicado con Astiberri ademais dos seus traballos para editoras estadounidenses como Black Horse e Image. O ourensán asinará exemplares, terá encontros cos seus lectores e desenvolverá unha clase maxistral no marco do programa do Salón.

Pola súa banda, Kiko da Silva desenvolverá cada día do evento un obradoiro de BD para cativos, ademais dunha sesión para creadores de entre 8 e 12 e anos e de facer unha sesión de sinaturas da súa obra Curso de cómic Fiz, editada por Dibbuks. Tamén Emma Ríos participará no encontro, onde desenvolverá un coloquio coa guionista da súa serie Pretty Deadly, Kelly Sue DeConnick. Na cita estarán tamén presentes Begoña García-Alén e o fanzine Altar Mutante, candidatos aos premios anuais do Saló.