A Academia Galega de Teatro preséntase cun programa de medidas estruturais para a escena galega

A nova entidade convida a institucións e asociacións a tomar parte na organización dun congreso teatral en 2020

A nova entidade convida a institucións e asociacións a tomar parte na organización dun congreso teatral en 2020
Eduardo Alonso, Imma Antonio, Luma Gómez e Antonio Simón durante a presentación da ATG. Foto: S. Montes
Co gallo do Día Mundial do Teatro, que se celebra hoxe, presentouse no salón de actos do Consello da Cultura Galega a Academia Galega de Teatro (AGT), creada o pasado mes de outubro por un grupo de 17 persoas vencelladas ao mundo do teatro profesional. Son neste momento 27 as persoas que conforman esta nova entidade creada como un espazo de encontro, reflexión e debate sobre o exercicio do oficio teatral. Inma Antonio, primeira presidenta da AGT estivo acompañada por Eduardo Alonso conducindo o acto, Luma Gómez e Antonio Simón para dar traslado das principais motivacións e obxectivos desta nova Academia.

A nova entidade preséntase cun “programa básico para o teatro galego” de 21 puntos, na súa meirande parte con reclamacións cara ás administracións públicas competentes, ao entender que a propia Constitución marca o dereito ao acceso a cultura xeral e o teatro como parte dela, como un servizo público e "non como unha mercancía ou negocio", segundo defendeu Eduardo Alonso. Entre os elementos fundamentais que a AGT considera a tratar nos vindeiros tempos por ela mesma como reivindicacións no seu programa básico está a reestruturación da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a adscrición da Escola Superior de Arte Dramática ao sistema universitario, a creación de compañías residentes nos teatros de titularidade pública e a autonomía xurídica do Centro Dramático Galego entre outras accións coas que cambiar a actual política teatral e, dun xeito transversal, a presenza do teatro na identidade e sociedade galegas. Desde a Academia poñen o horizonte no ano 2021 para que se implementen estas liñas de acción presentadas hoxe.

Como proposta inmediata "a curto prazo" da Academia Galega de Teatro, Antonio Simón presentou o proxecto de Congreso Teatral Galego a celebrar o vindeiro ano 2020. A comisión integrada polo propio Simón, xunto a Gustavo Pernas, Manuel Guede e Miguel Pernas organizará este evento do que se pretende sacar a documentación e o debate preciso para a elaboración dun plan estratéxico para a seguinte década 2020-2030. Inma Antonio recordou que Academia chega buscando tender pontes, punto no que incidiu Simón convidando a todo o resto de institucións, colectivos e asociacións relacionados coa cultura en xeral e o mundo teatral en particular a participar no proxecto dese congreso. Alonso tamén quixo situar o sentido da natureza da AGT diferenciado dos de outras entidades de presentación colectiva do teatro profesional como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) ou a Asociación de Empresas das Artes Escénicas de Galicia 'Escena Galega'.
UN PROGRAMA BÁSICO PARA O TEATRO GALEGO.
Programa da Academia do Teatro Galego