O Parque do Pasatempo xa conta con protección como Ben de Interese Cultural

A Xunta incoa o expediende para declarar o espazo betanceiro como xardín histórico

| Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio da incoación do expediente para declarar o Parque do Pasatempo de Betanzos como Ben de Interese Cultural na categoría de xardín histórico. Este proceso implica a protección efectiva deste espazo como BIC mentres se desenvolve o expediente, que protexe a parte histórica que se conserva deste ben e mais os dous elementos superviventes da parte baixa do conxunto, a estatua da Caridade e a fonte das Catro Estacións. A declaración, en fase de exposición pública, establece este espazo xa desaparecido do parque histórico como área na que haberá que facer escavacións arqueolóxicas no caso de se produciren movementos de terras para documentar ou recuperar posibles elementos deste complexo.

No texto da declaración establécese que o Pasatempo "conxuga aspectos naturais e antrópicos e na cal se manifestan diversas formas de expresión artística (xardinaría, arquitectura, escultura, pintura), cunha finalidade multidisciplinar (pedagoxía, ciencia, relixión, política...)". Ademais, sinala que "esta obra posúe un interese científico e técnico, ao constituír un dos primeiros exemplos de institucións con vocación científica que podemos atopar en Galicia e onde por primeira vez se amosan certos avances técnicos que van caracterizar o século XX". Ao tempo, calíficao como "un conxunto de elementos pictóricos e escultóricos único e de especial relevancia na historia da arte plástica galega" e salienta o seu carácter de "exemplo representativo da tradición filantrópica galega e, concretamente, da que desenvolveron os indianos ao seu regreso de América a finais do século XIX e principios do XX". O expediente recoñece tamén os riscos para a integridade do monumento que motivaron unha importante mobilización social a reclamar a súa declaración como BIC.

Que che parece esta nova?
67 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ben de Interese Cultural, Betanzos, Historia da Arte, Ciencia...