
O Plenario do Consello aprobou tamén a proposta da Comisión Executiva de recoñecer os méritos e apoios prestados á cultura galega, en especial no exterior, coa concesión das primeiras medallas da institución a Ana Paula Laborinho, directora do Instituto Camões (2010-1017), a Pablo Figueroa Dorrego, conselleiro laboral na Embaixada de España en Brasilia (2012-2016), e, de forma extraordinaria e a título póstumo, a Francisco Lores Mascato, presidente da Federación de Sociedades Galegas e impulsor do Museo da Emigración, en Bos Aires.
Renovación de membros do Pleno
Ademais, o Pleno acordou a renovación dos membros designados polas institucións que o compoñen, de acordo coas quendas establecidas. Deste xeito, Alicia Estévez Toranzo é a nova representante da Real Academia Galega de Ciencias, Xurxo Gómez Silvestre representará á Fundación Penzol, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés ao Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (Consello Superior de Investigacións Científicas) e Ángeles Penas Truque ao Consello Galego de Museos.