Logo de 50.000 visitas e dun bo feixe de actividades paralelas, a exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, fechaba esta fin de semana no Museo do Mar de Galicia. O feche supón a devolución desta peza única da lírica medieval galega, que retornará agora á Morgan Library de Nova York. Nun acto simbólico de despedida este domingo o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, anunciou a continuidade da colaboración coa institución estadounidense en novas actividades conxuntas de divulgación desta peza e falou desta despedida como dun "ata logo". No mesmo sentido se pronunciou o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, mentres o concello de Vigo anunciou un pleno para este mércores no que solicitará a adquisición do pergamiño e a súa "restitución" á cidade de Vigo. "Debemos iniciar, en diálogo amistoso coa Morgan Library, o proceso de recuperación do Pergamiño de Martín Códax", sinalou o alcalde olívico, Abel Caballero.
Dentro das actividades de despedida da peza, a Universidade Vigo publicou a obra As cantigas de Martín Codax en 55 idiomas. Este volume, coordinado por Xosé Henrique Costas, contou co traballo de setenta persoas que contribuíron para facer do trobador medieval o autor galego máis traducido con versións que van "do emakhwa de Mozambique ao ruso, do alemán ao maorí de Nova Celandia, do croata ao guaraní do Paraguai, do zoque-popoluca mexicano ata o tamazigh do norte de África, pasando por case todas as linguas románicas e xermánicas", segundo explica o web da Universidade de Vigo.