As mulleres regueifeiras reúnense en Vila de Cruces

O IIº Encontro de Mulleres Repentistas xuntará improvisadoras de todo o país

O repentismo ou canto de improvisación ten unha cita este sábado no concello pontevedrés de Vila de Cruces no IIº Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza. Este evento organizado pola comunidade educativa do IES Marco do Camballón no Auditorio Xosé Casal ten como obxectivo visualizar a nova xeración de improvisadoras da Nova Regueifa Feminista e servir de foro de reunión para as protagonistas deste movemento. Máis de quince regueifeiras de todo o país tomarán parte nesta xornada que se abrirá cunha asemblea, onde se valorará a situación actual do movemento repentista. Á tarde, ás 16.30 terá lugar unha mesa redonda sobre Regueifa e feminismo e a continuación un espectáculo de regueifa onde participarán improvisadoras de toda Galicia. No espectáculo participarán regueifeiras locais como Nuria das Cruzes ou Lorena Medela, ao lado doutras repentistas como Alba María, Sara Marchena, Sofia, a Gharota da Ribeira, Marisa Otero, Pia Lago, Lara do Ar, Silvinha, Aurora Redondo, Olaia Liñares ou Joana Santos Vilela e Estrela do Courel, crianzas do Clube de Regueifa da Escola Semente de Compostela. No evento haberá un momento para unha homenaxe póstuma ás persoas que no ano 1980 foron gravadas pola musicóloga suíza Dorothe Schubart en Sabrexo e cuxas cancións forman parte do Cancioneiro Popular Galego e do patrimonio inmaterial do país.