Talía adapta o teatro renacentista italiano con 'Servidor de dous amos'

A revisión da obra de Goldoni estréase este mércores en Compostela

Cartel da obra
Cartel da obra
Despois de Ubú Rei e Os mortos daquel verán, espectáculos producidos no ano 2017, Talía Teatro enfróntase agora a unha nova montaxe de gran formato na que participa un elenco de oito intérpretes: Xurxo Barcala, Toño Casais, Marta Lado, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo e Dani Trillo. O Teatro principal de Compostela acollerá este mércores 14 de febreiro a estrea do Servidor de dous amos de Talía Teatro. Diego Rey realiza a versión e asume a dirección deste espectáculo que fai a revisión do clásico de mesmo nome de Carlo Goldoni, un referente da Commedia dell'Arte, o teatro renacentista italiano. Así como a Commedia dell’Arte creaba unha paisaxe cómica e irreverente da sociedade italiana do momento, esta versión trata de construír un xoguete escénico onde os contratos matrimoniais son substituídos por contratos de construción, onde nobres e mandatarios son remprazados por empresarios e políticos, onde a vida mesma da nosa sociedade é retratada con irreverencia e descaro, buscando un espectáculo trepidante e deslinguado, tan mordaz coma divertido.


Eduardo Rocancourt e o seu socio, Ferdinand Demara, acusados de tráfico de influencias e evasión fiscal, seguen desaparecidos. A súa muller, Anna Rocancourt, afirma descoñecer tanto o paradoiro do seu marido como o alcance da súa actividade económica. A noticia coñeceuse xusto despois de que a empresa Rocancourt recibira o proxecto de construción do novo hospital comarcal, licitado en trescentos millóns de euros. O alcalde, Arthur Furguson, decidiu entregar o contrato de construción á empresa local Ponzi. A historia de Rocancourt ten en vilo a todo o país. O nome que simbolizaba o prestixio patrio pasou a converterse na vergoña nacional. Prolóngase así un xogo de mentiras e medias verdades, de encubrimentos e “amiguismos” ao servizo de intereses políticos e empresariais. A obra estará no Teatro Principal de Santiago do 14 ao 17 de febreiro, o domingo 18 poderase ver na Casa da Cultura de Cee e o vindeiro 2 de marzo estará escenario do Gustavo Freire de Lugo no marco da 18ª Mostra de Teatro Clásico.
Ligazóns