Cultura e as editoriais buscarán vías de colaboración para a difusión internacional do libro

Ambas partes confían en que a reunión celebrada entre ambas partes marque unha nova etapa

A reunión celebrada o pasado venres entre a Secretaría Xeral de Cultura e a Asociación Galega de Editores (AGE) deixou tras de si confianza en ambas partes cara á recondución da situación de desencontro arredor do apoio institucional ao sector literario nas feiras internacionais do libro. Como xa avanzamos en Cultura Galega o pasado xoves as dúas partes acudían a reunión a escoitarse mutuamente as solicitudes e propostas. Ao encontro solicitado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, acudiron o presidente da AGE), Xosé Ballesteros, acompañado polo vicepresidente do colectivo, Henrique Alvarellos e tamén estivo presente a subdirectora xeral de Bibliotecas da Xunta, Cristina Rubal.

Desde a Consellería emitiron un comunicado posterior á xuntanza no que se afirma que tras a solicitude de apoio feita pola AGE para participar este ano nas feiras de Frankfurt e na de Liber, Anxo Lorenzo manifestou a total vontade da Xunta de Galicia para atendela e, con este fin, “estanse a valorar os mecanismos administrativos que permitan facer efectivo este apoio”. Así mesmo falan nesa comunicación de avanzar conxuntamente en “novas vías de actuación” na liña da difusión internacional do libro. Pola súa banda AGE no seu propio comunicado declarou que confía en que se inicie unha nova etapa de “colaboración real na que se busquen liñas de encontro guiadas por un interese que debe ser común: a promoción do libro galego e, en definitiva, a cultura do país”.