A actualidade internacional e o compromiso do intelectual coa sociedade foron os eixes da XX Semana Galega de Filosofía

Cabezas na praza: os filósofos en público

Do poema “Non” de Celso Emilio Ferreiro a un chamamento polo compromiso dos intelectuais. Polo medio pasaron cinco intensos días en que a reflexión verbo de cuestións tan destacadas coma a guerra ou a globalización trouxeron á Semana de Filosofía de Pontevedra algúns dos máis relevantes pensadores do mundo, e a canda eles, máis de mil persoas interesadas en escoitar un discurso diferentes ao pensamento único.

A guerra de Irak e a reacción dos intelectuais contra o conflicto, a división no mundo da cultura sobre as últimas execucións en Cuba. A creación artística como unha intervención para mudar a realidade. Estas son só algunhas da ideas que se trataron na XX Semana Galega de Filosofía, que organiza en Pontevedra a Aula Castelao. Botando unha ollada ás dúas décadas de encontros que viu a cidade, os organizadores seleccionaron, de entre os trescentos pensadores que xa participaran no evento, nomes tan destacados como James Petras, Alfonso Sastre, Adolfo Sánchez Vázquez ou Eduardo Galeano para que reflexionasen sobre “Filosofía e Compromiso”. O reclamo levou a máis de 1200 persoas ás xornadas, uns asistentes que encheron o Auditorio Caixanova e que mesmo ocuparon as escaleiras para escoitar unhas figuras que poucas veces aparecen nos medios de comunicación.




Para todos os públicos

O esforzo que fai a Aula Castelao por achegar ao público xeral o pensamento máis elaborado ten éxito se temos en conta as cifras de público que acada cada ano este evento. Se na vixésima edición se matricularon arredor de 1200 persoas, o total de participantes ascende a 18.000 persoas ao longo do tempo. Unhas cifras que ben se poden comprobar nos cheos multitudinarios que rexistra o Auditorio de Caixanova, en que non é estraño ver xente sentada nas escaleiras para escoitar algunha conferencia. Por estraño que pareza a día de hoxe, a posibilidade de escoitar en directo a esas figuras internacionais do pensamento tan pouco presentes nos medios de comunicación, mobiliza aínda moita xente, que non quere deixar pasar a ocasión de facer preguntas ou de participar nos debates.



Filósofos á rúa (a loita continúa)

Arroupado por esta masiva participación abriu o encontro Adolfo Sánchez Vázquez quen, coma apoiando esta idea dunha filosofía aberta e en comunicación e resumindo o tema das xornadas, falou sobre a intervención dos intelectuais na praza pública. O profesor da Universidade Nacional Autónoma de México sinalou que non hai obra inocente, sen importar a intención do seu autor. Deste xeito, para el o compromiso implica tentar influír deliberadamente coa obra ou a conducta e facerse responsable desta opción. No mesmo sentido atacou a idea de que o compromiso supoña unha degradación do valor das obras artísticas.


Canda o pensador mexicano ocuparon as mañás pensadores de talla internacional que, coma cada ano, abordaron temas de interese xeral desde a multiculturalidade. Segundo recollen as conclusións do encontro, os catro participantes “concluíron, en xeral, que a miseria real e mental, a pobreza e a ignorancia, son a realidade do noso tempo” e chamaron á construcción “dunha nova mundialización” que “ten na protesta, na contradicción e na rebelión contra ese mundo excluinte o seu obxectivo”.



Guerra non

A ausencia do italiano Gianni Vattimo favoreceu que os catro convidados coincidisen na mañá do mércores con Eduardo Galeano nunha improvisada mesa redonda en que analizaron un tema tan de actualidade coma o da guerra de Irak. Os cinco participantes condenaron unanimemente o ataque angloamericano e alertaron sobre as posibilidades doutras accións semellantes no futuro. Alfonso Sastre sinalou que esta situación pode provocar “unha inflexión no sentido crítico” entre os pensadores, logo do “momento en que o desprazamento á dereita dos intelectuais parecía que atoparía un espacio”, e amosou como exemplo a mobilización dos actores en España. Mentres, James Petras denunciou as sucesivos erros históricos en que caeron os pensadores á hora de xulgar as accións imperialistas nos últimos anos, e sinalou que “os intelectuais están fóra das necesidades e das realidades do pobo e “necesitan unha grande crítica e reflexión” sobre os erros que cometen. Pola súa banda, Celia Amorós apostou por “civilizar o conflicto de civilizacións” e atender “aos procesos reflexivos e críticos que están aparecendo en certos ámbitos do Islam”. Finalmente Sánchez Vázquez amosou a súa preocupación polo “imperialismo ianqui” que “comezou coa invasión de Afganistán, segue coa de Iraq” e ameza con novas agresións, e advertiu do “perigo que ameza Cuba”.



Cuba, ás veces

A illa caribeña foi precisamente un dos temas máis polémicos que se deron na Semana de Filosofía. A crítica de James Petras á condena que fixo José Saramago da vaga represiva en Cuba, motivou acendidos debates entre o público e mesmo nos medios de comunicación. Petras sinalou que “creo que se pode criticar a pena de morte e pensar que Cuba non debe seguir o mesmo camiño dos Estados Unidos que electrificou 400 persoas nos últimos cinco anos” e apostou por “ser amigo de Cuba en tempos de guerra”. Tamén Alfonso Sastre deu o seu apoio ás opinións de Petras, e os dous pensadores encabezaron a redacción dun manifesto de apoio a este país. Finalmente, o día 26 fíxose pública a Declaración de Pontevedra, que recoñece a importancia histórica da Revolución Cubana e lamenta a política estadounidense cara á illa. Máis de douscentos asistentes asinaron este texto, que se difundirá por Internet para recoller novos apoios. Non faltaron no encontro voces discordantes, coma a de Eduardo Galéano, que lamentou as últimas execucións realizadas polo réxime de Castro.




Galicia pola tarde, creación pola noite

As tardes, a partir das cinco, céntranse en analizar a problemática galega a respecto do tema específico que se trata en cada edición. De novo multidisciplinariedade para ver diferentes xeitos de compromiso co país a través do pensamento de Xesús Alonso Montero, Domingo Docampo, María Xosé Queizán, Xosé Manuel Beiras e Xosé Luís Barreiro. A conclusión de que Galicia non se entende como parte dunha cultura nin como realidade mestiza, senón como “realidade diferenciada que quere dispor de si”. O conflicto existente entre ese intento de liberación e a “a intención asimiladora por todos os medios das nosas voces” non debe impedir “coñecer, analizar e comprometerse cos conflictos internos a esta realidade”, sinalou na lectura das conclusións Ramón Regueira.


As sesións de noite centráronse na creación coma compromiso. Tanto a reflexión coma a creación artística tiveron espacio nesta franxa horaria. Un concerto de Uxía Senlle de María del Mar Bonet e un recital de Manolo Rivas alternáronse coas reflexións de Alfonso Sastre e Eduardo Galeano e a lección de clausura de Xosé Luís Méndez Ferrín. A creación como un compromiso coa realidade e con posibles realidades e non como fuxida foi a principal conclusión destas charlas. Na lección de clausura Ferrín afondou na utilización dos espacios imaxinarios para transformar a realidade, e puxo como exemplos a apropiación da simboloxía do Far West pola administración Bush ou o emprego dos mitos celtas na construcción da identidade nacional galega.



E máis, e máis

Coma todos os anos, as ideas fluíron por toda a semana, sendo imposible realizar un resumo fiel de todo o que se tratou nos encontros. Na última xornada a organización do evento recibiu o diploma honorífico da Fundación Castelao, e logo da intervención de Ferrín, os participantes marcharon para a casa. Sen dúbida, moitos repetían aquilo que un asistente dicía hai algúns anos: ”levo a cabeza barrenada, agora teño que sentarme e organizar todo e, o peor é cómo farei para levar isto ás miñas clases e á miña actividade social”. Son as pegadas que deixa a Semana.
Documento: Conclusións da XX Semana Galega de Filosofía.
Descarga as conclusións oficiais da XX Semana Galega de Filosofía, que foron lidas por Ramón Regueira, Presidente de Honra da Aula Castelao de Filosofía.