Carballo recibe e exhibirá parte do legado de Alfredo Brañas

Un descendente do teórico rexionalista cedeu un fondo composto de cartas, escritos e outros materiais

Sete caixas de cartón con cartas, libros ou fotografías. Este é o legado de Alfredo Brañas que o Concello de Carballo recibía onte da man de Santiago González-Brañas, sobriño-neto do teórico rexionalista. O material inclúe as cartas que Brañas lle escribía a diario á súa nai, correspondencia con autores como Manuel Murguía e outro material que se conservaba no seo da familia. O concello comprometeuse a elaborar un inventario destes bens e prevé expor unha parte do mesmo no Museo de Bergantiños. No acto de entrega, Santiago González-Brañas lembrou a ligazón que o seu antergo mantivo con Carballo, de onde era natal, malia a pasar alí só os primeiros anos da súa vida.