Os escritores critican o cambio de modelo para as Feiras do Libro Internacionais

A Asociación de Editora confirma que acudirá en solitario ao encontro de Boloña

A retirada do apoio da Consellaría de Cultura para a asistencia do sector editorial galego a Feiras do Libro Internacionais continúa a provocar rexeitamento na cultura do país. Desta volta foi a Asociación de Escritores en Lingua Galega a que emitiu un comunicado a denunciar a mudanza de modelo, que deixa en mans do Instituto Galego de Promoción Económica as propostas de proxección internacional do sector. Os escritores sinalan que a decisión "debería ser responsabelmente reconsiderada" e que mudanzas desta magnitude "teñen que ser acordadas cos sectores que intervimos no proceso de creación" do que, lembram, é un sector estratéxico. "As cámaras de comercio teñen que apoiar a industria editorial tamén, e non só o sector do automóbil, do mobiliario ou da exportación do granito. Mais quen ten que tomar decisións estratéxicas en positivo de política cultural é a Administración cultural que forma parte do goberno da Xunta", conclúen no seu comunicado.

Pola súa banda, Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, sinala nun artigo publicado no web da revista Luzes que a decisión da Consellaría de Cultura "evidencia tanto a ausencia dun modelo estratéxico para a proxección internacional do sector do libro e da edición en Galicia como a incapacidade dos responsables do actual goberno para manter abertas canles de diálogo institucional fluído coa asociación de editoras e co resto de asociacións profesionais do libro". No texto, o editor reclama a creación dunha Oficina do Libro que visibilice o sector e confirma que "membros da AGE, como algunhas das súas empresas asociadas" participarán na vindeira Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña con espazos propios promovidos cos seus fondos.

Finalmente, Sermos Galiza recolle o contido dunha carta que a Consellaría de Cultura remitiu á Asociación de Editores na que anuncia un "novo modelo" de xestión da presenza galega nestes encontros internacionais que pasa a depender, como estivera anunciado, do IGAPE. Segundo o texto que publica o semanario, con este sistema a Asociación de Editores xestionará un posto propio fronte ao actual modelo no que é a Xunta a que corre coa organización do stand conxunto do sector galego da edición.