O BNG pide explicacións ao goberno pola renuncia ás feiras internacionais do libro

A deputada nacionalista Olalla Rodil considera que se incumpre a Lei do Libro e da lectura

A renuncia da Consellaría de Cultura e Educación a participar nas feiras internacionais do libro de Bologna, Frankfurt, Guadalajara (México) e Barcelona motivou á deputada do BNG, Olalla Rodil, a presentar en sede parlamentaria diversas iniciativas nas que pide explicacións ao Goberno e pídelle que abandone a "soberbia" e sentarse a dialogar coa Asociación Galega de Editores (AGE), e axentes do sector do libro galego para consensuar cos axentes do sector os criterios que rexen a presenza galega nestas feiras.

Para a parlamentaria nacionalista, a renuncia da Consellería que dirixe Román Rodríguez supón un incumprimento da Lei do libro e da lectura que fixa, entre outras cuestións, "a obriga do Goberno de fomentar e apoiar a participación das empresas galegas do sector do libro nas feiras e exposicións internacionais" e que permiten abrir novos mercados á literatura galega así como proxectar a lingua e cultura do país máis alá das nosas fronteiras. Rodil denuncia que o Partido Popular recortou desde 2009 máis do 50% os fondos destinados á Cultura e o 65% dos orzamentos dirixidos á Normalización Lingüística. Nos Orzamentos para 2018 recortaron 200 mil euros dos fondos dirixidos á corporacións locais para a adquisición de novidades editoriais e dos 240 mil euros dirixidos a actividades de animación á lectura en 2017, "apenas fican 96 mil para 2018". A parlamentaria do BNG interpelará ao conselleiro de cultura e defenderá unha proposición non de lei para consensuar cos distintos axentes os criterios que rexerán a presenza de Galiza nas Feiras internacionais do libro e a xestión das actividades e stands que como país ocupe nas mesmas.