A Xunta suspende a presenza do libro galego en catro feiras internacionais

Só haberá un posto conxunto coas editoras galegas na Feira de Bos Aires

As feira internacionais do libro de Frankfurt, Boloña, Guadalaxara e Barcelona deste ano non contarán co xa habitual posto a represenstar o libro galego. Segundo publica hoxe Sermos Galiza, a Xunta renunciou a formalizar os contratos para organizar esta delegación e só manterá a presenza do sector editorial na Feira do Libro de Bos Aires. O semanario apunta desacordos dos editores no modelo de xestión e de representación deste posto conxunto como a causa da suspensión. Na resolución pola que se renuncia á celebración do contrato, dispoñible no portal Contratos de Galicia, o secretario xeral Jesús Oitavén xustifica a suspensión por "unha serie de factores sobrevidos con posterioridade á posta en marcha deste proceso e por motivos de interese público".

Entre estes factores cita "un crecente desinterese dos axentes implicados na participación nestas feiras, fundamentalmente do sector editorial e corroborado en recentes reunións" que "fai que o forte investimento que realiza a Administración Autonómica para conseguir os obxectivos marcados pola Administración carezan de sentido". Encol da presenza en Bos Aires, o escrito argumenta que na cidade "existe unha importante colectividade galega que recomenda continuar aproveitando este evento para fomentar e promover a cultura galega".

O documento anuncia tamén novidades na xestión na proxección internacional do libro, ao recoñecer que "cómpre, pois, cambiar o modelo de apoio á internacionalización do sector editorial galego de xeito que xa non vai asumir a Consellería directamente a presenza nas feiras internacionais do libro, senón que esta actividade poderá ser realizada directamente polos editores, tamén con fondos públicos, pero procedente do IGAPE, a través das cámaras do comercio". Malia a ceder este labor, Cultura adianta que "manterá o apoio á internacionalización do sector editorial a través doutras accións que coordinará co sector da edición galega".
Resolución pola que se renuncia á celebración de contrato para a organización da presenza galega nas feiras do libro internacionais.