O Mosteiro de Monfero comeza o seu camiño cara a rehabilitación

S.O.S. Monfero

Despois de 192 anos de abandono e expolio sistemático, o mosteiro de Monfero comeza a súa andaina cara a recuperación. A constitución dunha Asociación de Amigos do monumento e a petición de fondos para a restauración que fixo recentemente o Congreso ó Goberno crean optimismo sobre a supervivencia do edificio.

Historia do mosteiro



Situado no concello de Monfero, en A Coruña, o mosteiro de Santa María de Monfero constitúe un dos máis importantes complexos conventuais de Galicia. Fundado en 1135, ó parecer a instancias de Alfonso VII. Constuído en estilo románico, foi ocupado por monxes benedictinos ata que se uniu ó Císter cara a 1201, ficando baixo a xurisdicción do mosteiro de Sobrado.




Acadou rapidamente un amplo patrimonio froito da protección dos sucesivos reis,que eximiron os monxes de pagar certos tributos, e das doazóns de familias nobres. Esta riqueza parece ser a causa de diferentes disputas mantidas co bispado de Compostela e varias familias nobres. Cara o século XV a prosperidade do mosteiro foi decaendo, ó parecer pola mala xestión dunha serie de abades. Esta precariedade e o aumento de gravamens que para os servos significaba, provocou os asasinatos de varios monxes a mans dos campesiños.




En 1506 comezaría a recuperación de Monfero ó se incorporar á congregación de Castela, acadando de novo un bo nivel económico que lles permitiría, entre o1641 e o 1643, derrubar a vella igrexa románica (alegando o seu estado ruinoso) e comezar a construcción da actual de estilo barroco.




O século XIX comezou con mal pé para o edificio. En 1803 un raio derrubou o cimborrio da igrexa, e a guerra contra os franceses impediu a reconstrucción. A guerra provocou tamén unha caida nas finanzas da orde, que non impediu que os monxes realizasen importantes doazóns á loita contra os invasores.




Foi en 1820 cando o mosteiro ficou baleiro coa chegada do período constitucional e as ordes de desaloxo do goberno. Cando regresaron, en 1823, o mosteiro estaba estado de abandono, e comezou unha reconstrucción que duraría ata que, en 1835, se produciu a dispersión definitiva imposta pola desamortización, aínda que houbo un intento fallido de recuperar o lugar para a orde en 1882.






O que fica



O que actualmente se conserva do mosteiro é a igrexia, de cruz latina e unha soa nave, que conserva restos románicos na súa fachada sur. A súa fachada principal destaca polo seu axedrezado constituído mediante a alternancia de bloques de granito e de Pizarra e as súas grandes columnas. No interior destaca a bóveda octogonal e cúpula de comezos do século XVIII.




Tamén se conserva o claustro renacentista e que conserva restos da primitiva edificación románica. Existe un segundo claustro do século XVI, cunha fonte no medio, e restos dun terceiro que se estaba a construir cando estalaron as guerras napoleónicas, ficando derruido.




Asimesmo están aínda en pé os muros dalgunha dependencias monacais coma o refectorio ou a biblioteca. No interior a igrexa atópanse os sepulcros de Pedro, Diego e Fernán Pérez de Andrade, señores feudais do século XV, e onda eles o do conde D. Nuño Freire de Andrade, que participou na Primeira Guerra Irmandiña.





O que se quere



En outubro deste ano presentábase ó público a Asociación de Amigos do Mosteiro de Monfero, conformada por un grupo de veciños que pretenden propiciar a restauración do conxunto arquitectónico. Entre as iniciativas que están a levar a cabo, está a de realizar un documento que recolla o estado actual do mosteiro, co fin de empregalo na busca de axudas.
A Corporación Municipal de Monfero xa acordou investir dez millóns de pesetas para realizar obras de rehabilitación neste espacio.




Pola súa banda, a Comisión de Educación e Cultura do Congreso dos Deputados pediu ó Goberno, a instancia do BNG, un acordo de colaboración co Concello e coa Xunta para executar un plan de restauración conxunto, lembrando a responsabilidade do estado sobre o espacio.




Unha nova andaina parece perfilarse para Monfero, o recoñecemento da súa importancia como conxunto histórico artístico e a súa restauración. As posibilidades do mosteiro para ser un motor do desenolvemetn turístico e cultural da comarca están abertas.