Galaxia lanza tres obras teatrais para conmemorar a María Victoria Moreno

A editorial publicará tamén unha biografía da autora á que se lle dedica o Día das Letras

Tres obras teatrais para o público máis novo chegarán aos escenarios este ano da man da editorial Galaxia para lembrar a María Victoria Moreno, autora á que se lle dedica o Día das Letras. Leonardo e os fontaneiros, nunha adaptación a cargo de Ubú Teatro e mais Anagnórise e unha versión da vida e obra da autora realizadas Limiar Teatro son as propostas escénicas da editora viguesa. Canda a isto, anuncia a publicación de A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida, biografía da autora que asina Montse Pena Presas. Ademais, anunciou tamén o desenvolvemento de campañas para os centros educativos de toda Galicia.

Outros títulos que verán a luz este ano serán É a lúa que baila... un estudo de María Victoria Moreno sobre os poemas galegos de Federico García Lorca que sairá en colaboración co Concello de Santiago e a incluír un limiar do profesor, académico e expresidente da RAG Xesús Alonso Montero. Ademais destes títulos, a editora está a abordar, xa desde 2017 a reedición dos títulos da que, lembra "fora codirectora e fundadora da colección infantil Árbore". A festa no faiado (1983), Leonardo e os fontaneiros (1986), Anagnórise (1988), ¿E haberá tirón de orellas? (1997), Guedellas de seda e liño (1999) e Onde o aire non era brisa, publicada orixinalmente en castelán en 1969 e traducida ao galego no 2009, son os títulos que se recuperarán.