Quiosco: Agália 113 e 114

A publicación fecha unha etapa e buscará a colaboración da USC para a súa continuidade

A Associaçom Galega da Língua acaba de anunciar a publicación de dous novos números da súa revista Agália, os 113 e 114, que corresponden ao ano 2016. Investigacións de universidades brasileiras centran os contidos das dúas entregas, que recollen seis e nove textos desta orixe acompañados en cada caso dun traballo galego. A "Correspondência de Manuel María com Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez: ediçom e contextualizaçom" é un dos contidos destacados do volume 113, que inclúe asimesmo artigos sobre cuestións como "Políticas públicas e os desafios do ensino de língua estrangeira em escolas no Brasil" ou "Figurações de Don Quixote no pensamento crítico de Álvares de Azevedo: no avesso da crítica romântica". No 114, pola súa banda, atópanse textos de Thiago Martins Prado a falar de "Os Paradoxos da Efemeridade Estética no Mundo Contemporâneo" ou un estudo de "Os trajes dos orixás: design, plasticidade e símbolos do Candomblé" entre outros contidos.

Segundo explica a AGAL a través do Portal Galego da Língua, estas publicacións fechan a etapa dirixida por Roberto Samartim, da Universidade da Coruña. O colectivo anuncia a súa intención de buscar un acordo coa Universidade de Santiago de Compostela para que a institución académica acolla entre as súas edicións dixitais a cabeceira. Na nova etapa serán as profesoras Felisa R. Prado da USC e Cristina M. Tejero da Universidade de Lisboa as responsables da revista. Mentres non se aclara o futuro da publicación fica fechada a recepción de textos para a mesma.