Coruña Gráfica volta con novas actividades

O humor gráfico protagoniza as propostas desta iniciativa

A iniciativa Coruña Gráfica, que naceu hai dous anos para dar a coñecer o traballo dos ilustradores vencellados á Cidade Herculina, presentaba esta mañá as súas novas propostas. Co humor gráfico como eixe, a iniciativa propón novas actividades, coa exposición Desde Coruña con humor como eixe. A mostra, que recolle traballos de 18 ilustradores e ilustradoras poderá visitarse na Casa da Cultura Salvador de Madariaga entre o 30 de novembro e o 31 de xaneiro. Ademais, o programa achegará ao longo do mes de decembro o encontro Humor gráfico con tetas, centrado na procura de canles para reflexionar sobre feminismo a través desta arte, os Obradoiros de Humor Inocente e unha "Xornada de Humor Inocente" que reunirá o vindeiro 28 de decembro os creadores Siro, Manel Fontdevila, Santy Gutiérrez e Leandro Barea.

Ademais destas actividades, Coruña gráfica pon a andar un novo web e amplía a súa guía de autores, que pasa así 69 a 91 creadores e que incorpora ademais unha versión en inglés dispoñible na rede.