'Hemisferios' reúne a oito voces femininas nun espectáculo reivindicativo

O evento é unha iniciativa da Deputación da Coruña na véspera do Día contra a Violencia Machista

As cantantes Pilocha, Ugia Pedreira, Silvia Penide, Uxía, Sonia Lebedynski, Belén Tajes, Carmen Rey e Alba Rodríguez subirán hoxe ao escenario do Teatro Colón da Coruña no espectáculo Hemisferios impulsado pola área de Cultura da Deputación da Coruña. O espectáculo nace dunha acción reivindicativa cunha canción interpretada por 8 mulleres arredor do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, e preséntase como un concerto único este venres, véspera do Día Internacional contra a Violencia Machista. Cada artista interpretará unha canción do seu repertorio e xuntas cantarán o tema Hemisferios.


A gala terá lugar ás 20.30 horas no Teatro Colón e está deseñada pola directora e dramaturga Cristina Domínguez e será conducida pola cantante, compositora e improvisadora Alba María que é tamén a autora da canción co mesmo nome. "A unión destas mulleres deume a idea de titular Hemisferios, dúas partes que se unen na mesma luz. Está a idea de igualdade, comuñón co resto das mulleres que forman este mundo e defende a idea das mulleres como poderosas, donas de si mesmas e conscientes da súa posición no mundo", anotou Alba María na súa intervención en que definiu Hemisferios como a "canción e a gala da sororidade". "É un espectáculo que representa as mulleres creadoras no campo da música", explicou a responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín. A entrada é de balde con retirada previa de convites.