O décimo Culturgal reunirá 130 actividades e 120 expositores

A Feira das Industrias Culturais presentou esta mañá o seu programa

O Pazo da Cultura de Pontevedra acollía esta mañá a presentación da décima edición de Culturgal, a Feira Galega das Industrias Culturais. O evento, que se desenvolverá nesta localización da Cidade do Lérez entre os vindeiros 1 e 3 de decembro, bate marcas nesta edición ao chegar a 130 actividades no seu programa e a un total de 120 expositores. Como principais novidades desta xeira de aniversario, a feira contará con Portugal como país convidado e co novo espazo dedidado á arte contemporánea, no que haberá presenza de artistas, galerías, estudantes, docentes e críticos e que amplía a superficie do evento ata os máis de 5400 metros cadrados.


Canda a Xosé Aldea, director do evento, e ao presidente da Fundación Culturgal, Manuel Bragado, participaron na presentación o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces e o deputado de Cultura da Deputación Provincial, Xosé Leal, así como o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

O evento arrincará o día 1 cunha xornada na que predomina o perfil profesional con encontros, debates e presentacións a cargo de Escena Galega, a Asociación de Profesionais da Xestión Cultural, a Asociación Galega de Empresas Musicais, a Asociación Galega de Fotografía ou entidades como Centro de Emprendemento do Gaiás ou a Casa Morada, entre outros.

Na mañá do sábado unha proxección e un coloquio homenaxearán a Agustín Fernández Paz, e ao longo dos tres días haberá proxeccións como a de Sicixia de Ignacio Vilar, Mimosas de Óliver Laxe, María (e os demais) ou os documentais Porta para o exterior, Paraíso roubado ou a estra no país de Sitio distinto, sobre as relacións do nos país coa cultura vasca.

A estas iniciativas súmase unha intensa programación orientada ao público familiar na que, como é habitual, presentaranse múltiples novidades para o sector. As novas obras ilustradas de María Victoria Moreno, o proxecto PunkInfantil, diferentes contacontos, o concerto de quinto anivesario do proxecto Maria Fumaça, o de Paco Nogueiras ou a presentación ao vivo do novo traballo de Mamá Cabra entre outras propostas. Ademais, obradoiros de ciencia, cociña ou arquitectura fan parte das actividades para os máis cativos.

A nivel musical, o programa achega concertos como os de Banda Crebinsky, Roberto Oliveira, 2US, A Banda da Loba ou Alann Bique entre outros, coa presentación en solitario de Andrea Pousa como principal evento na noite de sábado.