Ana Villegas faise co I Concurso Internacional de Ilustración O Salón

O seu traballo será a imaxe do XIX edición do Salón

O I Concurso Internacional de Ilustración O Salón, convocado por Gálix (Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil) coa colaboración do Concello de Pontevedra ten xa gañadora. O xurado seleccionou o traballo da viguesa Ana Villegas entre as 234 propostas que se presentaron ao certame, de xeito que será esta autora a responsable da imaxe do vindeiro Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que se celebrará en Pontevedra entre o 6 e o 29 de abril de 2018. Ademais, Villegas recibirá un premio en metálico de 3.000 euros.


O xurado estivo composto por Carme Fouces, concelleira de Cultura, os ilustradores Antonio Seijas Alberto Ariza, a artista plástica Itziar Ezquieta, a deseñadora Belén G. Freijeiro e a coordinadora do Salón Eva Mejuto. A elección do traballo gañador responde a "acertada representación da temática do Salón, no que se ilustra un mosaico que amosa a diversidade das mulleres de conto, mulleres famosas e anónimas, que viven e gozan arredor da lectura". Ademais, destacaron "a harmonía da composición, a estética limpa e ordenada e a axeitada composición en consonancia coa gráfica do cartel".

Ademais da imaxe gañadora, o xurado votou doce finalistas que farán parte dunha exposición que se poderá ver durante O Salón e que sairá ademais editado na forma de calendario. As autoras e autores dos proxectos finalistas son Sofia Venzel (Rusia, de quen foron escollidos dous proxectos), Rocío Alejandro (Arxentina), Susana Suniaga (Venezuela), Sofía Zapata (Ecuador), Inge Nouws (Holanda), Pablo Balzo (Chile), Cristian Turdera (Arxentina), Tiiu Kitsik (Estonia), Adolfo Serra (España), Yolanda Mosquera (España) e Camilla Zaza (Italia).