O Consello da Cultura acolle un encontro sobre Casares como intelectual público

Carlos Casares, escritor e intelectual público celébrase o 16 e o 17 de novembro

A piques de rematar o ano no que Carlos Casares foi homenaxeado co Día das Letras, continúan as xornadas de análise e de homenaxe ao escritor. Mentres están a se desenvolver as xornadas que a Real Academia organiza en Ourense e Vigo, o Consello da Cultura Galega acaba de abrir a inscrición para o encontro Carlos Casares, escritor e intelectual público. A sede desta institución en Santiago de Compostela acollerá os vindeiros 16 e 17 de novembro esta actividade que pretende analizar "o papel xogado por Casares no campo político-cultural da Transición e da nacente Galicia autonómica, así como a súa actividade como difusor das letras galegas no exterior e o seu firme compromiso co afortalamento dun sistema literario maduro, autónomo e de calidade".


Juan Pablo Fusi, da Universidad Complutense de Madrid, será o encargado de abrir a actividade a falar sobre Intelectuais e democracia en España, seguido de Antón Baamonde, que abordará o papel dos intelectuais na autonomía galega. A relación de Carlos Casares coas outras tradicións literarias españolas, o seu labor como escritor na prensa ou a súa figura como intelectual do seu tempo son algunhas das cuestións que se abordarán nas dúas sesións, nas que intervirán nomes como Luís Álvarez Pousa, Damián Villalaín, Tucho Calvo, Carlos Pajares, María Xosé Porteiro, Olivia Rodríguez González, Fernanda Tabarés, Andrés Torres Queiruga ou Dolores Vilavedra.