O novo volume de Astérix chega canda a novas BDs en galego

Xerais publica tamén Xinfu e Rinoceronte reedita Maus

Astérix en Italia, o terceiro volume das aventuras do guerreiro galo asinado polo equipo de Jean-Yves Ferri e Didier Conrad está xa nas librarías na nosa lingua. Edicións Xerais correu coa edición da obra, que saiu en paralelo ás súas versións en francés ou castelán. Canda a esta aventura, que leva aos protagonistas a percorrer a Península Itálica, están tamén a chegar ás tendas outras propostas de banda deseñada en galego.

Así, da man da mesma editora verá a luz este mes de novembro na colección "Merlín Cómic" Xinfu na maldición guauchuky. O traballo de debut na novena arte de Adrián Morgade é unha historia de aventuras protagonizada por cadelos antropomorfos que se ven inmersos nun mundo máxico. En paralelo Rinoceronte Editora continúa a súa liña de novelas gráficas coa reedición de Maus, de Art Spiegelman, que xa vira unha versión na nosa lingua da man da mallorquina Inrevés Ediciones. Nesta ocasión, a editora presenta unha nova tradución do inglés a cargo de Estela Villar Nogueira.