
Canda a isto, haberá visitas guiadas, como as que programou a Biblioteca de Galicia ou actividades que amosan as posibilidades destes centros na atención á diversidade, como as que organizan a coruñesa Miguel González Garcés e a Juan Compañel de Vigo. Exposicións bibliográficas e iniciativas de formación de usuarios como o obradoiro Quen matou a bibliotecaria en Compostela son algunhas das propostas dun programa que se prolongará ao longo dos vindeiros días. Así, o 25 de outubro a biblioteca de Compostela acollerá ás 18:30 horas o espectáculo As Parábolas de Pakolas, e o mesmo día ás 20:00 horas, a Miguel González Garcés da Coruña acollerá a conferencia Tradición, creación e perversións na cultura galega a cargo do arqueólogo e museólogo Felipe Senén. A conmemoración a nivel estatal conta cun pregón do Premio Nacional de Literatura Infantil 2016, Alejandro Palomas, e cun cartel do ilustrador Manuel Marsol.