A produción cinematográfica iberoamericana e galega centra o programa do OUFF

O festival ourensán ofrecerá 73 pezas de 23 países na 22ª edición

O festival ourensán ofrecerá 73 pezas de 23 países na 22ª edición
Representantes de Agadic, Deputación de Ourense e Concello de Ourense participaron na presentación oficial. xunto a Fran Gayo, director artístico do OUFF. Foto: Daniel Gallego
Trinta Lumes de Diana Toucedo será longametraxe encargada de inaugurar o vindeiro 20 de outubro esta vixésima segunda edición do Ourense Internactional Film Festival (OUFF). A cinta, a cabalo entre o documental e a ficción ambiéntase nunha comunidade do Courel na contorna do Día de Defuntos, o que propicia que todas as barreiras rompan, entre os vivos e os mortos. A clausura contará coa proxección do filme La ley de la frontera (1995) do realizador arxentino Adolfo Aristarán. Hoxe anunciouse o programa do OUFF que avanza na reestruturación de contidos iniciada o ano pasado cara a unha maior especialización no cinema iberoamericano e reforza a presenza do audiovisual galego. O encontro desenvolverase do 20 ao 27 de outubro arredor das súas seccións competitivas e espazos temáticos, que suman 73 pezas de 23 países. Dez filmes competirán na sección de cine iberoamericano e nove da sección de Ópera Prima. O cine galego, do que se ofrecen quince pezas no festival, estará especialmente presente na sección Síntomas, dedicada a novos cineastas e na que 8 das 11 películas son de realizadores galegos como A historia dun satélite das Also Sisters, Escarbana da ourensá Sara Casasnovas ou Dhogs de Andrés Goteira.

Nas seccións dedicadas ás retrospectivas este ano pónse o acentos sobre tres relaizadores: a brasileira Marília Rocha, o arxentino Mariano Llinás e a chilena Jeannete Muñoz. De todos eles poderán verse obras significativas da súa traxectoria. Catro cintas importantes da recente produción galega veranse tamén entre as oito da sección Manifestos na que se proxectarán dous documentais sobre os artistas Francisco leiro e Manuel Moldes, a cinta de animación The Never ending Wal, con música de nani garcía e o documental sobre o mundo da prensa e a información Post Truth Times. We the media, do coruñés Héctor Carré. Sete películas incluiranse na sección Extramuros, que procura a experiencia do filme máis aló da sala de cinema con proxeccións que se completan con presentacións de obxectos irmáns á película (DVDs, libros…), con música en directo ou mesmo o visionado de filmes aínda en fase de produción como é o caso do documental sobre restauración fílmica L’immagine ritrovata de José Manuel Mouriño . Nesta sección tamén poderán verse, entre outros, os documentais Nueva Galicia, de Iván Nespereira, e Pessoa/Lisboa de Alberto Ruiz e José M. Mouriño.

Actividades paralelas
Este ano o OUFF enriqueceu a súa programación paralela, ofrecendo máis de 20 actividades fóra das salas pero en diálogo constante coa proposta cinematográfica do festival. Máis aló da participación de directores e directoras en encontros e debates nos que compartirán as súas experiencias, a aposta do festival é achegar o cinema ao público dende diferentes vertentes artísticas e lúdicas. Deste xeito, presentaranse proxectos literarios e artísticos como o devandito Nueva Galicia ou El rinoceronte y el poeta, e os espectadores e espectadoras poderán gozar de dúas exposicións e ata cinco obradoiros diferentes, entre os que destaca a masterclass de efectos especiais que impartirá o experto arxentino Federico Ransenberg. A maiores, catro concertos alongarán o OUFF cara á noite e funcionarán de punto de encontro coa música de Soledad Vélez, Puma Pumku, Surma ou os Playback Maracas.
Ligazóns