Neira Cruz gaña o XI Premio de Narrativa breve Repsol

O escritor obtivo o recoñecemento do xurado polo relato de intriga 'O sono das sereas'

X.A. Neira Cruz
X.A. Neira Cruz
O escritor e profesor de xornalismo Xose Antonio Neira Cruz ((Santiago de Compostela, 1968) ven de ser revelado como o gañador da XI edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega pola súa obra O SONO DAS SEREAS. Así o comunicou esta mañá en rolda de prensa o portavoz do xurado, Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia. O xurado desta edición decantouse por esta obra polo "desenvolvemento que presentan as personaxes, a estrutura da novela, perfilada a partir de tres voces que van encadeando unha ficción de intriga e misterio, a súa linguaxe fluída e a intención da novela de dirixirse a un público moi aberto". Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o premio está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia.

O certame contou nesta edición cunha participación de 31 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. Xose Antonio Neira Cruz é xornalista, escritor e profesor de Xornalismo no Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais das súas publicacións de índole científica, escribiu máis de 30 obras de creación literaria, polas que recibiu distincións e premios nacionais e internacionais, como o Premio Merlín (en dúas ocasións), o Barco de Vapor (en dúas ocasións), a Raíña Lupa da Deputación da Coruña, o Barriga Verde e Manuel María de teatro (da Axencía Galega deas Industrias Culturais AGADIC), o Fiz Vergara Vilariño de poesía do Concello de Sarria, o White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de Munich (en tres ocasiones), entre outros.