Lara Dopazo imponse no XVII Premio Fiz Vergara Vilariño

O xurado seleccionou o poemario Claus e o alacrán entre as 60 propostas presentadas

A Agrupación Cultural Ergueitos e mais o Concello de Sarria daban a coñecer o pasado venres o fallo do XVII Premio Fiz Vergara Vilariño de poesía. O xurado seleccionou por maioría a obra Claus e o alacrán de Lara Dopazo a destacar o seu "carácter arriscado" e o emprego dunha "voz diferente cun rexistro que apela ao sensorial". Ademais, apuntou a "sinxeleza estética" desde a que "reflexiona sobre a construción da identidade. Destaca o protagonismo do corpo e o conxunto da obra logra un clima cohesionado, que deixa un pouso fondo na lectura". Estevo Creus, Charo López, Olalla Cociña, Mónica López e María Casar seleccionaron a obra entre as 60 presentadas. Lara Dopazo recibirá os 6.000 euros do galardón e verá o seu traballo publicado por Espiral Maior.