A Xunta adianta a vindeira declaración BIC da Ribeira Sacra

O expediente comezará a súa incoación en decembro

| Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:

O vindeiro mes de decembro comezará a incoación do expediente para declarar Ben de Interese Cultural a Ribeira Sacra, a recoller os valores naturais, culturais, e mixtos que comprende esta área. Así o aprobou onte o Consello da Xunta e o anunciou o presidente do goberno galego Alberto Núñez Feijoo. A nova figura abranguerá unha superficie de máis de 17.300 hectáreas, 306 quilómetros, 21 concellos, 86 parroquias e 171 núcleos de poboación. Na súa declaración, Feijoo adiantou os límites que abranguerá a figura, que, segundo explica a nota da Xunta, "polo norte serán o canón do Miño, que limita a presa de Belesar e que cosen as parroquias de Rebordaos, no Saviñao, e de Pesqueiras, en Chantada; e polo sueste, o canón do Sil, que limita coas parroquias de Vilachá, na Pobra do Brollón, e a de Torbeo, en Ribas de Sil". O resto da delimitación corresponderá co borde da bocarribeira e incluirá ademais 17 exoámbitos situados por fóra deste espazo, que inclúen o mosteiro de San Pedro de Rocas, o casco antigo de Monforte, o poboado de Montefurado e a colexiata de San Xoán de Portomarín, entre outros. A maiores, haberá un espazo de amortecemento no que se esixirá autorización da Xunta para realizar grandes infraestruturas.

Os concellos afectados pola declaración serán os da Peroxa, A Pobra de Trives, A Pobra de Brollón, A Teixeira, Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Esgos, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, O Saviñao, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, Taboada e Xunqueira de Espadanedo.

Que che parece esta nova?
35 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ribeira Sacra, Sil, San Pedro, San Xoán...