As artes escénicas collen pulo en Galicia segundo o Anuario da SGAE

O informe recolle tamén un incremento no número de pantallas de cinema

A Fundación SGAE daba a coñecer onte os datos do Anuario 2017 das Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, nos que detecta unha leve recuperación do consumo cultural nestes campos a nivel estatal. A falar sobre Galicia, o informe apunta a un crecemento da actividade das artes escénicas no noso país ao longo de 2016, cun total de 22 representacións máis (o terceiro maior incremento do Estado). Esta intensificación da actividade contou con resposta do público, que se incrementou nuns 5.000 espectadores e acadou os 446.128 neste período. Das 1.635 representacións que se realizaron no país, 1.554 foron de teatro, e foi este o subsector que viu un maior incremento, con 27 funcións máis, que sitúa a nosa comunidade como a segunda na que máis medrou a actividade.

Increméntase tamén a oferta cinematográfica no país, con máis pantallas dispoñibles. En 2016 había en Galicia 183 repartidas en 43 cinemas fronte ás 175 do ano anterior. No entanto, o gasto medio dos galegos neste sector, 8,6 euros, continúa moi afastado da media estatal de 13,1 e déixanos como os cuartos que menos investimos neste tipo de consumo cultural.

Pola contra, os concertos de música popular diminuíron en cantidade (de 3.646 en 2015 a 3.559 en 2016) e en capacidade de convocatoria, ao pasar de 1.484.076 espectadores a 1.292.440. O volume apunta a importancia do Resurrection Fest de Viveiro, que con 80.500 asistentes fecha a listaxe dos dez principais festivais do Estado. Asimesmo a SGAE salienta que o pop-rock predomina na escena a protagonizar o 80,4% dos eventos que se celebran no país, unha cifra que nos sitúa como a sexta comunidade na que esta música conta con maior presenza nos eventos ao vivo.