Un festival temático homenaxeará a Rosalía de Castro

Santiago Compostela acollerá os días 29 e 30 a primeira xeira do Festival Rosalía

A conmemorar o centenario do monumento á poeta de Padrón na súa Alameda, a cidade de Santiago acolle os vindeiros 29 e 30 de xuño o primeiro Festival Rosalía. A Deputación da Coruña promove este evento que, coa escritora transformada en superheroína como imaxe, consistirá nunha gala no Teatro Principal da capital galega e nun mercado rosaliano. No primeiro dos actos Abe Rábade e Nastasia Zürcher, Najla Shami, Uxía Senlle con Sérgio Tannus e Santi Cribeiro, Xiana Lastra e Andrea Porto porán música aos versos da autora na noite do día 29. A poesía virá da man de Anxo Angueira, Cesáreo Sánchez Iglesias, Marta Dacosta e Rosalía Fernández Rial. Na segunda xornada do festival a praza de Cervantes acollerá ao longo do día o Mercado Rosaliano, un encontro no que vinte empresas presentarán os produtos que elaboran coa imaxe da poeta. Cuncas, camisolas, cervexa, sacas ou libros estarán á venda amenizados pola actuación musical de Habelas Hainas e os títeres de Larraitz Urruzola. O Concello de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e a Fundación Rosalía de Castro colaboran neste programa.