A Área de Cultura da Deputación de Pontevedra recupera a importancia que os palcos da música tiveron nas vilas da provincia a través dun ciclo de tres concertos en Moraña, Pontevedra e Vigo. A primeira das actuacións tivo lugar onte no palco da música de santa Xusta coa formación Áureas en Voga. Deste xeito, e no marco da programación do Ano do Patrimonio, realízanse tres accións para outorgar visibilidade aos escenarios musicais tradicionais, recuperando o ambiente lúdico que lles é propio, e fomentando a música en galego. Na provincia de Pontevedra hai unhas 33 vilas con palco, e máis de 80 catalogados. Os grupos escollidos para este ciclo Orquestra Os Modernos e Áureas en Voga teñen repertorios baseados en ritmos propios da música tradicional galega en convivencia con outros máis internacionais, e sempre orientados ao baile. Deste xeito, preténdese achegar a música en galego a un público amplo, e aberto á fusión de diferentes estilos. No caso de Áureas en Voga, que abriron o ciclo en Santa Xusta, trátase dunha formación de cinco mulleres, que no escenario se transformarán nunha arxentina, unha polaca, unha brasileira, unha inglesa e unha galega, e que unidas pola música, a emigración e a necesidade da liberdade, interpretan ritmos bailables de moda de comezos do século pasado, en torno aos anos 20.