A editorial 3 Pintamonas anuncia novos lanzamentos de banda deseñada

Publicarán Door e Trackers este verán

| Santiago. Redacción | Seccións: Banda Deseñada
Compartir:
Capa de Trackers. A arma perdida dos deuses

Capa de Trackers. A arma perdida dos deuses

Dous anos despois da súa ambiciosa presentación co álbum Abastos, a editorial compostelá 3 Pintamonas volve ao traballo e anuncia dous novos lanzamentos a coincidir coa vindeira xeira de Viñetas desde o Atlántico. Por unha banda, verá a luz Trackers. A arma perdida dos deuses, versión en galego do primeiro álbum da serie Traqueurs que acaba de ver a luz en Francia e que contará con versión en castelán a cargo de Yermo Editorial. O pontevedrés Tirso Cons asina o debuxo dunha historia na que, co apoio do guionista David Muñoz, conta unha historia de piratas ambientada entre Inglaterra e Iucatán en pleno século XVII. Os protagonistas, científicos da Royal Geographic Society, enfróntanse a múltiplos perigos para capturar unha critaura lendaria dos maias. O proxecto sae en formtao álbum francés de 56 páxinas a toda cor.

Pola súa banda Door é a primeira incursión no campo da BD do coñecido guionista e divulgador científico Antonio Martínez Ron. Trátase dunha historia de ciencia-ficción chea de misterio na que o autor colabora co debuxante David Cuence, de Rois, que debuta tamén no medio cunha historia de 140 páxinas a toda cor. A obra verá a luz en galego e castelán e distribuirase a nivel estatal, con edición física e dixital. As dúas obras daranse a coñecer o vindeiro sábado 12 de agosto ás 12 de mañá no marco de Viñetas desde o Atlántico, onde tamén haberá sesións de sinaturas a cargo dos autores.

Que che parece esta nova?
72 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Banda deseñada, Viñetas desde o Atlántico, Piratas, Debuxo...