Freixanes alerta da crecente diminución do mercado da cultura galega

O Presidente da Real Academia Galega imparte unha conferencia no Consello da Cultura Galega

Como "tormenta perfecta" definiu Víctor Fernández Freixanes, presidente da Real Academia Galega, a situación actual da industria cultural galega. Freixanes foi debullando diferentes causas que conlevan a unha situación actual na que "hai factores globais e outros locais". Entre os globais, Freixanes sinalou o incremento do papel dos intermediarios e a concentración do que definiu como a "gran máquina", a produción e distribución de contido cultural. O segundo factor, para o profesor de Comunicación na USC, é a "reducción do investimento público en cultura", que en Galicia estimou nun 40% nos últimos anos, "e con consecuencias nas diferentes industrias". Pero o problema significativo, para Freixanes, é o "envellecemento demográfico". "Un mercado cultural por baixo dos seis millóns de habitantes non é viable", sinalou o presidente da RAG, "e nós estamos en cifras moi inferiores". Freixanes tamén aludíu á ausencia dun plan estratéxico para o futuro da cultura. Como notas positivas, Freixanes destacou os casos de éxito de determinadas industrias do sector primario e secundario do país, o bilingüismo, as redes da emigración ou a construción do discurso turístico ao redor do Camiño de Santiago.