Coruña Dixital medra e crea o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación

A segunda edición do programa desenvolverase no outono

19/6/2017 | Santiago. Redacción | Seccións: comunicaciónaudiovisual
11 lecturas | Compartido 0 veces

Sergio Lago, José Manuel Sande e María Yáñez na presentación de Coruña Dixital

O programa Coruña Dixital, que busca visibilizar as comunidades que traballan neste eido e formar a poboación nas novas tecnoloxías no Concello Herculino, amplíase na súa segunda xeira. O edil de Cultura, José Manuel Sande, presentaba este vernes a nova edición da iniciativa que ten como principal novidade a posta en marcha do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación. Este proxecto pretende "potenciar e dar a coñecer as novas linguaxes audiovisuais e favorecer a creación entre a veciñanza, así como de tecer alianzas con centros de ensino, a Universidade, empresas de produción audiovisual e comunicación dixital, institucións e colectivos profesionais e outras entidades cidadás que compartan obxectivos similares", segundo explicou a súa coordinadora, María Yáñez. Nas actividades do mesmo abordaranse "as novas linguaxes audiovisuais, desde as micro-narrativas populares ata o documental interactivo ou a realidade virtual. Tamén se prestará atención aos novos modelos de distribución e produción: desde como se profesionalizan os contidos en YouTube ata as posibilidades do cinema crowd e das comunidades online como impulsoras de proxectos audiovisuais".
A actividade do LAIC comezará este outono, ao igual que a segunda edición do Encontro Coruña Dixital. Desta volta, a iniciativa "buscará achegarse aos espazos socioculturais de proximidade da cidade a través dunha xornada de charlas inspiradoras e obradoiros que permitan achegar metodoloxías e estratexias sobre o uso das novas tecnoloxías e dos contidos dixitais nestes contextos". A iniciativa mantén a súa colaboración con colectivos locais como Bricolabs ou o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux da Universidade da Coruña.

Universo culturagalega.gal

Contextos

Claves

Protagonistas
Lugares