A RAG nomea novos académicos correspondentes

Marina Mayoral foi designada académica de honra

A Real Academia Galega non só escolleu a María Victoria Moreno como homenaxeada no Día das Letras 2018 no pleno deste sábado. Tamén foron nomeados sete académicas correspondentes. A maior parte deles son profesionais da docencia universitaria en centros de todo o mundo. No corpo da noticia pódense consultar as novas académicas correspondentes. Por outra banda, o pleno da RAG tamén designou á escritora e catedrática universitaria xubilada Marina Mayoral como académica de honra.

[texto da nova oficial da Real Academia Galega]

Na sesión plenaria deste sábado cubríronse ademais sete vacantes de correspondentes. Serán ocupadas por Takekazu Asaka (Toquio, 1952), profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku, autor da primeira gramática galega para xaponeses e tradutor ao xaponés de Rosalía e outros autores das nosas letras; Marcos Bagno (Cataguases – Brasil, 1961), profesor da Universidade de Sao Paulo, recoñecido lingüista e defensor dunha nova visión do portugués, en que subliña a súa orixe galega; Olga Castro (Lugo, 1980), profesora de estudos de tradución da Universidade de Aston (Birmingham) e especialista na interacción entre xénero, linguaxe e tradución; Helena González Fernández (Comesaña – Vigo, 1967), profesora titular de lingua galega e investigadora do Centre Dona i Literatura da Universidade de Barcelona; Kirsty Hooper, profesora de Estudos Hispánicos da Universidade de Warwick (Coventry, Reino Unido), coordinadora do Hispanic Liverpool Project e tradutora de Cousas de Castelao; a escritora Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940), unha das autoras pioneiras da literatura galega para infancia e tamén unha das primeiras profesoras de Lingua e Literatura Galega no ensino secundario; e Helena Zernova (San Petersburgo, 1973), directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo e tradutora ao ruso das obras máis senlleiras da nosa literatura.