O festival ImaxinaSóns presenta programa da 13ª edición

O evento vigués inclúe un concerto de homenaxe a Gonzalo Villar

O evento vigués inclúe un concerto de homenaxe a Gonzalo Villar
A 13ª edición do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons, organizado polo Concello de Vigo, dá comezo o vindeiro 30 de xuño cun programa que, até o 8 de xullo, trae á cidade una representación do talento do jazz internacional na que, ademais, destaca o talento galego. A proposta inaugural correrá a cargo do compositor e pianista estadounidense Uri Caine, en formato trío xunto a Kenny Davis e Clarence Penn. Durante nove días consecutivos, a banda sonora de Vigo virá tamén da man de Abe Rábade, Marc Ducret, Santiago Quintáns, Carlos Bica ou Xan Campos, entre outros. É a décimo terceira edición de Imaxina Sons unha edición con moita música feita en Galicia. Aínda que non é un habitual do Imaxina Sons, nesta edición do festival soará o latin jazz do percusionista Yuvisney Aguilar na noite do venres 7 de xullo na rúa Londres nun concerto dedicado a Gonzalo Villar. Falecido o pasado mes de marzo, Villar foi un promotor e colaborador da música en directo, rexentando locais como El Malecón, Manteca ou Xancarajazz, centros de efervescencia musical diaria, que foron tamén espazos colaboradores de Imaxina Sons.

Xa na segunda xornada do festival, o sábado 1 de xullo Abe Rábade presenta en Vigo o seu traballo Once. O undécimo disco de Abe Rábade ten once temas, xoga cos ritmos en once e co significado da palabra en inglés, “unha vez”. O xoves 6 de xullo coinciden na xornada Alfonso Calvo Septet, que reúne a músicos relevantes do panorama jazzístico galego, os saxofonistas Pablo Castaño e Xosé Miguélez, o trompetista Rubén Salvador, o trombonista Luis Miranda, o pianista Manuel Gutiérrez e o batería Xabier Barral, e, na noite na Rúa Londres, Alejandro Vargas Trío, presentando o seu disco Diablito Baila, nun concerto en colaboración coa Fundación SGAE.


O sábado 8 de xullo, no peche de edición, Xan Campos co seu proxecto ESD, un traballo do pianista e compositor Xan Campos que marca unha diferenza cos seus discos anteriores conducindo cara sons máis eléctricos, jazz-rock e psicodelia. Non será o único encontró entre o rock e o jazz do festival, vinte anos despois da edición de Azul, o primeiro disco do trío de Carlos Bica con Frank Möbus e Jim Black, e o trío está de regreso, en disco e no escenario (7 xullo). Na última xornada do 13º Imaxina Sons, un dos grandes directores de orquestra de jazz, fundador da icona do free, a Globe Unity Orchestra, que aínda non visitara o festival, Alexander Von Schlippenbach, co seu Monk´s Casino. As entradas poránse á venda a partir do 15 de xuño en ticketea.com.
Ligazóns